O Sergas mantén a "esperanza" de atopar pediatras para o Hospital de Verín

A doutora Agulla avanzou este venres que tiña previstas tres entrevistas con especialistas desta área
Hospital de Verín. GSV
photo_camera Hospital de Verín. GSV

O director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, destacou este venres que seguen "buscando pediatras" para poder reabrir o paritorio do Hospital de Verín, despois de que a súa nova directora, Guillermina Agulla, anunciase a intención de polo de novo en funcionamento canto antes, para o que está a entrevistar profesionais para cubrir as dúas prazas vacantes. 

"Seguimos buscando pediatras", afirmou Aboal, a preguntas dos medios tras presentar en rolda de prensa o balance de transplantes. "Vou falar desde a esperanza, espero que os atopemos", abundou. 

Aboal recordou que "neste momento, a convocatoria pechouse —o pasado 7 de xaneiro— e non se presentou ninguén". "Pero seguiremos buscando", insistiu, para recordar que foi a segunda vez que se convocan as prazas e queda a convocatoria deserta. 

Preguntado sobre se vai haber melloras na oferta, Aboal resaltou que valoran e intentan "atraer pediatras". "E isto é o que neste momento estamos a valorar", sentenciou, para asegurar que traballan nunha terceira vía. 

De feito a doutora Agulla avanzou este venres que tiña previstas tres entrevistas con pediatras, dúas deles vía teléfono ao ser profesionais que residen fóra da Comunidade galega e que se interesaron polos postos fóra de prazo. 

Comentarios