Sindicatos esixen un servizo "público, único e profesionalizado" contra os incendios

UXT, CC OO e UU AA comparecen na comisión parlamentaria creada por mor da vaga de lumes de outubro 

O Parlamento de Galicia, durante un pleno. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera O Parlamento de Galicia, durante un pleno. PEPE FERRÍN (AGN)

Un servizo "público, único e profesionalizado" de loita contra os incendios forestais foi a esixencia común de UXT e Comisións Obreiras (CC OO) na comisión parlamentaria creada por mor da vaga de lumes do pasado outubro.

Pola súa banda, Unións Agrarias (UU AA) chamou a combater o abandono, que, segundo salientou, é o que está "queimando o monte galego".

O secretario xeral de UU AA, Roberto García, foi o primeiro en comparecer este luns na comisión no Parlamento galego que avanza no estudo e análise das reformas da política forestal, de prevención e extinción de incendios forestais e do plan forestal de Galicia.

Como despois José Carlos Rocha (UXT) e Alejandro Rodríguez (CC.OO.), o representante do sindicato agrario chamou a atención sobre o "necesario" de "un cambio de estratexia" nunha contorna "que vai a peor", tanto pola situación do rural como polo cambio das condicións climatolóxicas.

FORESTACIÓN DE TERRAS AGRARIAS

García centrou a súa intervención no abandono do medio rural —que en Galicia sufriu unha desagrarización "tardía pero abrupta", segundo dixo— e advertiu de que "ou se controla o crecemento desordenado" ou "o desastre está servido". Así, apuntou que "a metade do territorio corresponde a terras abandonadas ou monte arboledo sen a adecuada xestión silvícola".

A isto, sumou "dous fenómenos adicionais que contribuíron a aumentar a vulnerabilidade" do monte ante os incendios: a forestación de terras agrarias, máis de 30.000 hectáreas segundo os seus datos, e a construción "desordenada" de novas casas e instalacións empresariais.

Todo iso, segundo alertou, "configura unha interface urbano-forestal cada vez máis extensa e con máis acumulación de combustible". 
A partir de aí, o líder de Unións explicou cuestións relativas ás subvencións e á política agraria común, para reflexionar sobre cal debe ser "o pago de determinados servizos" no medio rural. E chamou a que, á marxe da aposta polo sector profesional, "que calquera persoa que queira traballar desde o rural" poida facelo.

OPOSICIÓN E PP

Por parte dos grupos parlamentarios, Xosé Luís Rivas 'Mini', do BNG, avogou pola ordenación "non só do territorio, senón dos sectores produtivos". O socialista Xoaquín Fernández Leiceaga preguntou ao comparecente como mellorar a xestión da superficie agraria útil "para impedir que se reforeste" e Paula Quinteiro (En Marea) quixo saber como se podería "dinamizar" o banco de terras.

Na quenda dos populares, José González afirmou coincidir coa exposición de Roberto García, "con algunha matización", ao entender que, pese ao "recoñecemento expreso" de que "hai un abandono", tamén "hai que ver puntos positivos" do escenario actual.

UXT DENUNCIA "NEGLIXENCIA"

No seu discurso, José Carlos Rocha, de UXT, describiu "defectos" do dispositivo contra incendios no apartado dos recursos de que dispoñen os traballadores, pero tamén pola súa temporalidade, que cifrou no 50%, e por unha derivación de funcións do servizo público a empresas públicas, incluído o "risco" que ao seu xuízo supón que os concellos contraten a persoal para estes labores.

"Defendemos un servizo público único e profesional. Funcionariamos moito mellor", destacou, antes de reclamar tamén "substitución xeracional" e "estabilidade" para un persoal que pon en risco a súa vida durante o exercicio das súas tarefas.

Respondeu ao nacionalista 'Mini' que "si" que entende que houbo "neglixencia" por parte da Xunta na vaga de incendios de outubro. "Así o denunciamos publicamente. Pedimos que se mantivese o persoal tres meses non porque queremos que se tire o diñeiro, senón porque cremos que era necesario", sentenciou.

Por outra banda, e ante as suxestións dos grupos, referiuse tamén ás franxas de seguridade das vivendas, para concluír que "a xente non ten conciencia". "Hai que cumprir a norma", subliñou, antes da amentar que "non se ve o lume ata que chega" ao teu propio inmoble.

CC OO RECLAMA UN PACTO DE PAÍS

Por último nesta nova sesión da comisión de incendios participou o representante de CC OO Alejandro Rodríguez, quen puxo o foco, para empezar, en que a incidencia dos accidentes entre traballadores do servizo contra incendios é "das máis altas".

Tras identificar "unha oportunidade perdida" na revisión do plan forestal de Galicia, ocupouse do "problema de país" que constitúen os lumes no monte galego e viu unha decisión "irresponsable" na "fragmentación" do servizo, que "está a prexudicar a eficiencia".

Reclamando que a prevención sexa "un puntal imprescindible" e opinando que "debe facerse máis" neste ámbito, Rodríguez criticou o "desmantelamento paulatino" do servizo con "políticas de disgregación e privatización", ademais de sinalar "comportamentos caciquiis" que "achegan un enorme risco" ao traballo.

Reprobou, igualmente, que se fale da relevancia da investigación pero "nunca se fixo" o reforzo das brigadas dedicadas a estes labores. 
Deste xeito, chamou a un "pacto político e social" que implique un cambio de modelo de xestión forestal e que tamén pase por un "novo modelo" de emerxencias en Galicia.

A redución da "altísima" taxa de temporalidade, a cobertura de prazas vacantes e non vacantes "ao 100%" e que haxa "mínimo" cinco integrantes por brigada foron outras das súas reivindicacións.

Comentarios