Imprimir

O Son do Camiño inicia tres días de música con 38 artistas e 33.000 asistentes

Europa Press | 12 de Junio de 2019

Iggy Pop é un dos cabezas de cartel do Son do Camiño. EP
Iggy Pop é un dos cabezas de cartel do Son do Camiño. EP

Iggy Pop, Rosalía, David Guetta ou Black Eyed Peas están entre os pratos fortes do festival, que encheu os hoteis en Compostela 

Unhas 33.000 persoas, 38 artistas e tres días de festa. O compostelán Monte do Gozo volverá ser esta semana meta de peregrinación festivaleira coa celebración da segunda edición de O Son do Camiño, que encherá de música a capital galega entre este xoves e o sábado con nomes como Iggy Pop, David Guetta ou Rosalía. 

Será ao mediodía deste xoves cando, por fin, se abran as portas do festival, que prolongará a súa festa ata ben entrada a madrugada do domingo, ante un público expectante que, como sucedeu coa primeira edición o pasado ano, esgotou os abonos para asistir en apenas unha hora. 

Por iso, e tras o éxito de público de 2018, a organización volveu a apostar este ano por un elenco de artistas onde se equilibran as propostas internacionais e as nacionais, con representación tamén de grupos galegos e coa intención de consolidarse como unha gran cita festivaleira a nivel nacional. Os espectáculos distribuiranse en dous escenarios, o principal, Estrella Galicia, un enorme recinto de 20 por 36 metros; e o Escenario Galicia.

TRES DÍAS DE MÚSICA. Así, na xornada do xoves, a primeira, o Escenario Estrella Galicia acollerá as actuacións de Kitai, Royal Republic, Richard Ashcroft, Bastille, Die Antwoord e Dimitri Vegas & Like Mike; mentres que no Escenario Galicia estarán Alice Wonder, Molina Molina, Second, Graveyard, Beret e The Zombie Kids. 

O venres, o prato forte de O Son do Camiño será Rosalía, unha das actuacións máis esperadas e que, na escaleta final, sairá ao escenario Estrella Galicia ás 23,15 horas. Seguirana, no mesmo, Black Eyed Peas e W&W. Antes, este emprazamento acollerá nomes como Bloc Party, Iván Ferreiro, Igloo ou Moito!. Pola súa banda, no Escenario Galicia actuarán o venres Cariño, Marem Landson, Hard GZ, Shinova, Varry Brava e Elysella. 

Finalmente, o sábado 15 terá lugar o esperado concerto de Iggy Pop, que comezará ás 23,15 horas no escenario Estrella Galicia e ao que seguirá, xa de madrugada, David Ghetta. 

Antes, no escenario principal tocarán os españois Vetusta Morla, The Hives, Electric Pyramid e Ortiga. O escenario Galicia programará para este último día Mordem, Baiuca, Familia Caamagno, Full, Bad Gyal, Ayax e Prok e Eme DJ, que será o encargado de pechar o tres días de festa.

TRANSPORTE ATA O FESTIVAL. Como xa ocorreu na primeira edición, espérase que o festival se deixe notar tanto no sector hostaleiro da cidade --que está ao 95% de ocupación-- como na mobilidade. 

A gran aglomeración de xente que se espera que acuda ata o Monte do Gozo derivou na elaboración dun plan especial de transporte urbano, restricións de circulación e posta en marcha de áreas de aparcadoiro en San Lázaro (sen lanzadeira) e en Amio (con servizo de autobús) para os asistentes que cheguen no seu propio vehículo. 

En concreto, o Concello de Santiago informou que se pecharán á circulación as rúas As Estrelas, Rúa da Agra dos Campos e Rúa do Gozo desde as 14,00 horas do sábado até as 3,30 horas do domingo, excepto para residentes e vehículos de mobilidade reducida. Do mesmo xeito, fontes municipais apuntaron que, en función da densidade de tráfico, poderán producirse cortes puntuais nas rúas Senande e San Marcos. 

Con previsión de que o tráfico en Santiago sexa intenso esa xornada, o Concello recomenda que se empregue o transporte público, que estará reforzado por dous servizos lanzadeira. 

Así, os buses lanzadeira partirán un desde o centro da cidade e o outro desde o recinto feiral de Amio, e operarán o xoves, venres e sábado. As liñas comezarán ás 12,00 horas o xoves e ás 14,00 o venres e sábado e finalizarán ás 4,30 na madrugada do xoves ao venres e ás 5.00 o resto das xornadas. A partir das 23,00 horas, só farán viaxes de volta. 

En canto ao aloxamento, os hoteis, hostais e pensións da cidade rexistran unha ocupación do 95% e as prazas que quedan incrementaron considerablemente os seus prezos. Os asistentes a O Son do Camiño poden optar por acampar no propio recinto ou facer uso das tendas de campaña e cápsulas proporcionadas pola organización, aínda que as prazas para ambas as opcións están xa esgotadas. 

Finalmente, segundo as previsións meteorolóxicas, a choiva podería volver facer acto de presenza no festival. Así, Meteogalicia recolle unha posibilidade de choivas do 65% para a noite do venres, que se eleva ao 80% para a xornada do sábado. 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /articulo/cultura/son-do-camino-inicia-dias-musica-38-artistas-33000-asistentes/20190612185239060088.html


© 2019 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 35 A 1ºB Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)