Trasladado en helicóptero tras cortarse cunha radial na súa casa de Vila de Cruces

O home, duns setenta anos, foi evacuado ao Hospital Clínico de Santiago

Un veciño de Vila de Cruces sufriu este luns un corte nun brazo coa radial que manipulaba nun alpendre da súa casa, no lugar de Cedelle, pertencente á parroquia de Larazo.

O home, duns setenta anos, segundo apuntaron fontes de Protección Civil da localidade, foi trasladado en helicóptero, consciente, ao Hospital Clínico de Santiago.

O incidente ocorreu ao redor das 10.00 horas. Ao lugar desprazáronse, ademais dos medios xa mencionados, unha ambulancia do 061 e axentes da Garda Civil e da Policía Local de Vila de Cruces.