Traxe ou chándal, pero con decoro

O Parlamento oficializa unhas normas que regulan o uso de instalacións e a indumentaria â–º O PP quere evitar que O Hórreo sexa "un manifestódromo" e a oposición fala de "mordaza"
O chándal de Quinteiro ou as camisetas personalizadas de Fajardo foron algunhas das pezas que deron que falar estes anos. AGN
photo_camera O chándal de Quinteiro ou as camisetas personalizadas de Fajardo foron algunhas das pezas que deron que falar estes anos. AGN

A Mesa do Parlamento aprobou este luns cos únicos votos do PP as normas que regulan o uso de dependencias do Pazo do Hórreo e a indumentaria recomendada a políticos e invitados, co único obxectivo de garantir o "decoro" na casa de todos os galegos. Pero onde a presidencia da institución ve un simple formalismo para "pór por escrito" un código que xa viña aplicando na práctica desde hai anos, a oposición ve unha "mordaza" aos dereitos. Así, apenas unhas horas antes do pleno que este martes abre oficialmente o curso político, a lea está servido.

As normas reservan á dirección da Cámara a potestade de facer "gardar a orde e o decoro en calquera dependencia, espazo ou instalación" do recinto, o que implica o control sobre os actos que organice cada grupo, aínda que só en zonas comúns e non nas salas que eles teñen asignadas. E xunto a este, o outro asunto espiñento é a posibilidade de veto "á presenza de persoas que utilicen pezas de vestir, accesorios, carteis, fotografías, pancartas ou calquera outro elemento que poda resultar alusivo a algún deputado, organización, institución ou terceiras persoas ou que, de calquera xeito menoscabe o decoro".

Na práctica, aclaran desde a presidencia, non se trata de impor un código de vestimenta ou de esixir traxe e gravata a deputados e invitados. Nin sequera se porán límites ás camisetas reivindicativas que ven en cada sesión en apoio de empresas, colectivos ou particulares. Só a aquelas que poidan portar alusións persoais, insultos, simboloxía conflitiva... O mesmo criterio a aplicar ás pancartas, fotografías ou carteis, tanto no hemiciclo como na tribunta de asistentes.

O Parlamento aclara que non se trata de esixir traxe e gravata nin de vetar as camisetas con mensaxes se estas non resultan ofensivas

"As normas limítanse a recompliar por escrito os usos, costumes e lóxica que se vén utilizando desde sempre nesta Cámara", aclaran desde o gabinete de Miguel Santalices. "Non se suprime nin se engade nada respecto ao que se viña facendo", ao amparo das facultades que o regulamento interno que confire ao presidente. Trátase, en definitiva, de engadir "transparencia e novas garantías" ao uso do Pazo do Hórreo, que en calquera caso é "menos restritivo" que outros parlamentos.

Quen mellor o ilustrou foi quizais o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, que resumiu as normas aprobadas este luns como unha ferramenta para evitar que o salón de plenos poida converterse, por exemplo, "nun manifestódromo", como chegou a ocorrer nalgunhas ocasións nos últimos anos, especialmente desde 2012.

"MORDAZA". Todos os grupos da oposición —PSdeG, Común da Esquerda, BNG e mixto— opuxéronse en bloque ás normas propostas pola presidencia do Parlamento. Os socialistas propuxeron aprazar o debate para darlle unha volta ao texto, pero o PP escudou os seus prazos no inminente arranque do curso. Xoaquín Fernández Leiceaga tamén lamentou que se introduzan "sospeitas" sobre o uso que poidan facer os grupos das salas comúns, cando dá por feito o sentido común e "razoable" de todos; e alertou sobre o difícil que resulta calibrar o concepto "decoro".

Luca Chao (GCE) pediu "máis flexibilidade" no Hórreo. "O decoro da Cámara ten que ser totalmente compatible coas reivindicacións cidadás", manifestou.

No BNG, Ana Pontón ve "gravísimo" que o PP queira "aprobar un regulamento" que contribúe a "amordazar" Ã¡ cidadanía e aos deputados. A mesma idea de "mordaza" que expuxo Luís Villares, do grupo mixto. "Lamentamos a perda de democracia nesta Cámara e estudaremos a forma de recorrer este documento".

Comentarios