Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Uma casa portuguesa

 É UN DO itinerarios fieis de todo portugués que se sinta orgulloso do seu país. O mosteiro dos Jerónimos, os pasteis de Belem, Camões ou Pessoa son varios deses fitos comúns e sen controversias do universo luso que, levado ao mundo da música, ten o seu gran monumento no fado e, más en concreto, en Amália Rodrigues.
imgData

O día 23 celébrase o centenario do seu nacemento. A señora do fado que todos honran é a casa portuguesa na que todos se senten a gusto e non dubidan en reivindicar para levarlle a contraria a outro ilustre, Eça de Queiroz, que falaba do "instintivo acto de desacreditar á patria".

Nese día de 1920 nace Amália Rodrigues quen, durante corenta anos de traxectoria, simbolizou a música e a cultura lusa por todo o mundo en tempos nos que Portugal era un país descoñecido en moitas latitudes. Lisboeta, dende ben pequena, ao tempo que realizaba traballos modestos, como vender froita na ribeira, a súa voz comezou a abrirlle espazos como as casas de fados situadas nas zonas portuarias da capital.

Nos anos 40 comezou a súa popularidade. Xunto a súa irmá fixo varias xiras en diferentes países do mundo e comezaba así a súa sona e a recoñecerse a voz de Amália Rodrigues como o máximo expoñente dese fado de saudades e historias de xente humilde que o propio Pessoa calificou como un xénero "nin alegre nin triste", ademais de velo como "a fatiga da alma forte, o desprezo de Portugal ao Deus que o creou e que tamén o abandonou". A fama de Amalia Rodriguez lévaa tamén ao teatro, ao cinema ou mesmo a sala Olympia de París en 1956.

Despois da Revoluçao dos Cravos a súa figura afastouse da primeira liña, pero pouco a pouco a súa música se impuxo a todo o demais

O seu camiño de estrela comeza a afianzarse na atmosfera portuguesa da dictadura salazarista coa que moitos a relacionaron como parte daquelas tres efes que alentaba a ditadura: Fátima, fútbol e fado. Pero tamén hai quen fala do seu apoio ao Partido Comunista con axudas económicas e cunha das súas cancións, Abandono fado de Peniche, prohibida polo réxime ao entendela como un himno dos presos politicos no cárcere da Fortaleza de Peniche.

Despois da Revoluçao dos Cravos a súa figura afastouse da primeira liña, sinalada por esa connivencia, pero pouco a pouco a súa música se impuxo a todo o demais. Estranha forma de vida ou Uma casa portuguesa son algunhas desas músicas que estremecen, xa non só ao pobo luso, senón a todo aquel que sinta a música, e pouca é feita máis para sentir que o fado. A súa figura —similar a de Aznavour en Francia, Celentano en Italia ou Sinatra nos Estados Unidos— multiplicouse nos últimos tempos coas novas fornadas de cantores lusos que non deixan de renderlle culto e admiración as súas achegas. Ana Moura, Mariza, Katia Guerreiro, Antonio Zambujo... son os novos expoñentes da música portuguesa e ningún deles, así como moitos outros, deixa de sinalar o seu legado. Varios deles terán un papel moi activo nas vindeiras semanas coa súa participación en diferentes actos de lembranza e homenaxe a Amália Rodrigues.

O seu legado pódese seguir descubrindo non só a través da súa música, senón na propia Lisboa, tanto no Museo do Fado, como na súa Casa Museo, na que se asenta a fundación que leva o seu nome na rúa de San Bento, ben cerquiña da Asamblea da República Portuguesa. Esa vivenda é toda unha viaxe a esa existencia, a esa ‘estranha forma de vida’ que a levou a vivir nela durante cinco décadas, ata a súa morte en 1999.

Un pasamento que a conduciu ao mítico cemiterio lisboeta dos Prazeres, pero a figura de Amália Rodrigues non podía enfrontarse á eternidade nun territorio común e así foi como en 2001 se converteu na primeira muller cuxos restos se depositaron no Panteón Nacional, no cumio do barrio da Alfama, tendo aos pés decenas de casas de fados, de sons que, cando se pon o sol no horizonte do Tejo, cántanlle aos mariñeiros que xa non están, ás mulleres que quedaron entre bágoas, e a todo un pobo que sente a nostalxia como unha actitude vital na que a súa raíña foi e será Amália Rodrigues.

Comentarios