Urco e o Concello de Pontevedra convocan o I Premio María Victoria Moreno

Ao certame de literatura xuvenil, dotado con 4.000 euros, poden presentarse obras ata o 28 de febreiro

 

María Victoria Moreno. ARCHIVO
photo_camera María Victoria Moreno. ARCHIVO

María Victoria Moreno daralle nome a un certame de literatura xuvenil. A editorial Urco e o Concello de Pontevedra veñen de anunciar que, no ano no que se lle adica o Día das Letras Galegas á escritora estremeña, crean en común un premio que leva o seu nome. Está dotado con 4.000 euros (suxeitos aos impostos correspondentes) e o prazo para presentar obras remata o 28 de febreiro.

Segundo informou Urco, poderán concorrer ao galardón textos inéditos redactados en lingua galega e cunha extensión máxima de 250.000 caracteres. Os orixinais deberán entregarse na sede de Urco Editora (Rúa do Avío, 11 baixo, 15.705 Compostela, por correo postal ou mensaxería, "sen que consten no exterior datos identicativos da persoa autora".

Segundo as bases facilitadas polo selo, os orixinais presentaranse en formato .PDF, gravados nun CD ou nunha memoria externa, maquetados en formato DIN-A4, en letra Times ou semellante de corpo 12 e a dobre espazo.

Ademais, os textos irán acompañados dun sobre fechado que conterá a identidade da persoa autora (nome completo, enderezo, teléfono e correo electrónico) e o título definitivo da súa obra, facendo constar no exterior só o título ou lema da mesma.

PUBLICACIÓN. Ademais de recibir os 4.000 euros, o gañador do certame verá a súa obra publicada por Urco Editora.

O xurado estará composto por unha persoa representante da familia de María Victoria Moreno, unha persoa representante do Concello de Pontevedra, unha alumna ou alumno representante do IES Torrente Ballester de Pontevedra, unha persoa representante de Urco Editora e unha especialista en LIX.

Segundo indican os organizadores do premio, o fallo do xurado terá lugar en Pontevedra durante a celebración do Salón do Libro Infantil e Xuvenil.

A convocatoria do galardón por parte de Urco únese ás actividades que a editorial está a realizar este ano na honra de María Victoria Moreno. Entre elas está a recuperación de contos infantís da autora como A brétema e O cataventos, publicados orixinalmente hai 20 anos en volumes colectivos.

Comentarios