Opinión

Vademecum de populismos

EL PUEBLO contra la democracia, de Y. Mounk éche un vademecum dunha palabra desgastada e de contornos imprecisos: populismo.

Miramos atrás e aínda está quente o sangue e o cheiro a barbarie do s.XX. E agora, como o leite fervendo na pota, a nosa centuria entrou en ebullición e ameaza con novas desfeitas. Para o planeta, para a xente, para os outros veciños da vida.

A linguaxe de Mounk é clara. Bo comunicador que esixe sacudir a pereza intelectual. Enténdese. Fai o fácil: descripción dun presente ameazador. E o difícil: propostas de futuro. O pobo contra a democracia. O título desconcerta: non deberan ser tiranos e ditadores os que ameazan a democracia? Democracia é goberno do pobo, pero agora tamén o pobo está detrás de revoltas populistas que ameazan a democracia.

Os populismos acariñan os oídos: solucións rápidas e fáciles a problemas complexos. Cunha linguaxe de limpeza e democracia. Velaí aos mentireiros do Brexit: semellaban paladíns da liberdade contra as élites de Bruselas. Non é así.

Buscan e atopan inimigos exteriores. Aparecen os fanatizados das patrias e pasados míticos. O pobo contra os invasores. Os nosos contra os outros. Veciñanza que comparte sangue, deuses, raza e fala, contra inimigos brutais, incultos, delincuentes. Mexicanos violadores e narcotraficantes, brama o excesivo Trump. O tsunami non coñece fronteiras. Populismos autoritarios séntanse no poder en Brasil e USA, colosos americanos. Tamén en Rusia, Turquía, Venezuela, países da imprescindible Europa como Polonia, Hungría ou Italia. España, claro. Populistas: líderes fortes cun verbo incendiario. Flautistas de Hamelin pastoreando o resentimento, o malestar contra as élites.

Os populismoas ameazan institucións que garanten a convivencia dos diferentes baixo o paraugas democrático. Fóra delas, matonismo e barbarie. Desigualdades froito dun sistema económico desapiadado que rompe o pacto social, e o difícil paso de sociedades monoétnicas a multiétnicas, son combustible para o medo.

Tamén hai propostas para enfrontar os populismos. As sociedades están vivas. Agora mesmo adolescentes de Suecia, EE UU, Bélxica, Australia reivindican futuro nas rúas fronte a dinosaurios políticos incapaces de acordos contra a desfeita climática.

O pobo que non soporta a tiranía pode apear do poder aos sátrapas, activar resortes da xustiza contra políticos sucios. Bambear a bola de demolición é fácil, construír é difícil. E resulta complicado deter a un elefante barritando na cristalaría dos problemas. Pero cando está en xogo a vida do planeta, o benestar da xente, os dereitos humanos e os valores democráticos, paga a pena. Para que o populismo non envelene as sociedades. E permaneza agachado na palabra vademecum que garda, cara ao final, o dicionario.

Comentarios