Blog |

Valle Inclán en Telecinco

A televisión debe ser o campo de batalla ideal da contemporaneidade. Parece máis real que a realidade. Pero é xusto o contrario. A televisión é o grande espazo público e cando máis tentamos disimular máis quedamos retratados.

O CENTRO DRAMÁTICO GALEGO, con Chévere polo medio, decide levar a Valle Inclán a eses platós estraños da realidade aumentada como ficción por demostrar que poden cambiar as escalas das cousas, pero o drama continúa coma sempre.

As modas pasan e os comportamentos permanecen. O que antes era campo da feira, agora é plató de televisión. As cousas suceden igual. Iso reafirma as Divinas Palabras Revolution que o Centro Dramático estreou este xoves pola vía Chévere: a constatación de que poderemos cambiar de medios, pero a condición humana permanece invariable. E hai que ser televisivamente obvio: invariable para mal. You say you want a revolution/ We all want to change the world —Ti dis que queres unha revolución/ Todos queremos cambiar o mundo—.

O CDG se puxo a este Valle Inclán como hai que poñerse cos clásicos: considerando máis o presente que o pasado, encontrando o contexto que axude a entender o argumento de fondo. Un contexto que sirva como guía de lectura, como porta de entrada, quizais como fachada que invite a asomarse a un interior verdadeiramente menos luminoso que un estudo de televisión. Este Valle Inclán está pasado pola retórica de Telecinco e aínda non valoramos ben a influencia desa cadea en cambiar o país para facelo máis vulgar. O Centro entra no xénero do reality con moita decisión, convencido de que hai unha liña non moi visible, pero perfectamente explicable que une a Valle con Gran hermano, o mesmo espello no que miramos e deixa que pensemos que quen sae entre edredóns non somos nós.

Os personaxes de Valle falan moi por riba do nivel dos seus actos. Teñen máis lingua que misericordia, máis dialéctica que piedade.

Nestas Divinas palabras hai unha contraposición de linguaxes. Dun lado está a televisión e sobre esa superficie esvaradía está un Valle Inclán que non renuncia a falar como Valle Inclán. Hai un choque porque os personaxes son perfectamente recoñecibles como habitantes do planeta plasma, pero falar falan como alguén que non é deste tempo nin deste lugar. Os personaxes de Valle falan moi por riba do nivel dos seus actos. Teñen máis lingua que misericordia, máis dialéctica que piedade. O cruce das dúas dimensións é chocante, pero non desorientador. Responde quizais a esa idea de non perderlle a cara ao presente e non perderlle o respecto ao autor. O Chévere que está dentro do CDG busca a guerra de Valle e por iso vai en busca da violencia do drama. Sen escapismos. Levando a obra a un punto de dor que temos que aceptar pola forza da imaxe que si, que nos representa.

Nese cruce espazo-temporal hai dificultades e a opción do Centro é manter as fidelidades coa realidade. A obra recréase nas pausas do reality, neses tempos mortos nos que os observados parecen vivir nunha realidade animal. O tempo televisivo frea o tempo teatral e causa algunhas distorsións. Esta Divinas Palabras Revolution reclama un uso do tempo diferente: ese tempo no que todo é brutal ou indiferente. Igual é o tempo da vida, o da xente que calcula a vida polas herdanzas ou ese tempo no que pensemos que Valle Inclán era un autor realista. Os esperpénticos somos nós.

Comentarios