O Vaticano reitera que non se opón á exhumación de Franco

Asegura que é un asunto concernente á familia, ao Goberno de Pedro Sánchez e á Igrexa española

Monumento del Valle de los Caídos. J.J. GUILLÉN (EFE)
photo_camera Monumento del Valle de los Caídos. J.J. GUILLÉN (EFE)

O secretario de Estado do Vaticano, o cardeal Pietro Parolin, escribiu unha carta á vicepresidenta do Goberno español, Carmen Calvo, na que reitera que o Vaticano "non se opón á exhumación" do ditador Francisco Franco.

O portavoz interino da Santa Sé, Alessandro Gisotti, explicou a Efe que "Parolin enviou unha carta á vicepresidenta do Goberno español na que reitera a posición da Igrexa, é dicir, que non se opón á exhumación dos restos de Francisco Franco". 

O pasado 5 de xaneiro, Gisotti dixo nunha nota que a exhumación dos restos de Franco que o Goberno español trata de levar a cabo era un asunto concernente á familia, ao Goberno de Pedro Sánchez e á Igrexa española. 

"Sobre o traslado dos restos de Franco non teño nada que agregar con respecto ao xa afirmado pola Santa Sé, ou sexa, que o asunto concerne á súa familia, ao Goberno español e á Igrexa local", afirmou entón. 

O Goberno español aprobou o pasado 15 de febreiro a orde para exhumar ao ditador Francisco Franco do seu actual lugar de enterramento, o monumento do Val dos Caídos, cunha fórmula para superar a oposición da familia. 

Os familiares vivos de Franco, un total de sete netos, teñen agora que decidir o lugar onde volven inhumarse os restos do seu avó, que faleceu en 1975 logo de 40 anos de ditadura. 

Con todo, non poderá ser na catedral da Almudena de Madrid, que foi o lugar proposto polos netos, pois o Executivo quere evitar posibles problemas de orde pública e que o xeneral Franco reciba homenaxes, segundo o Executivo socialista. 

Esta exhumación é unha das promesas do Goberno de Sánchez, que chegou ao poder en xuño do ano pasado, aínda que o seu obxectivo topouse con algúns obstáculos administrativos que atrasaron o proxecto varios meses.

Comentarios