Blog |

Verdades do material

Fronte ao relato da arqueoloxía como unha disciplina que atravesa placidamente, como Drácula, océanos de tempo, a arqueoloxía do pasado contemporáneo ten a capacidade de revolver o relato que facemos de nós mesmos

GUSTO
"Aínda que non souberamos o resto da historia, o que está claro é que eran galegos", explicábanos o arqueólogo Xurxo Ayán. Estaban a escavar a casa de Repil, na Pobra de Brollón, onde no ano 1948 se produciu un enfrontamento armado entre a Garda Civil e a guerrilla na que morreron catro resistentes. Ayán afirmaba isto porque entre a cultura material desta casa labrega do século XX aparecera unha pota e cascos de Estrella Galicia. É a arqueoloxía do pasado contemporáneo. Pero non só apareceu iso. 


TACTO
O arqueólogo Carlos Otero recoñeceu a contorna da casa cun gradiómetro, unha especie de man tecnolóxica que agarima o subsolo. Localizaron numerosos restos de munición da batalla. No mellor estilo CSI, conseguiron reconstruír con precisión o ataque, os niños de ametralladoras, a fuxida dun guerrilleiro a tiro limpo. Confirmaron moitas partes do relato dos veciños e desmentiron outras, discernindo a fronteira borrosa da lenda e da realidade. A Garda Civil non queimou a casa, por exemplo. Pero unhas balas tiradas preto da porta suxeríronlles aos arqueólogos un episodio que os veciños non puideron ver: o tiro de graza para rematar cos dous guerrilleiros xa feridos.


OÍDO
Un dos proxectos máis fermosos sobre arqueoloxía do contemporáneo deuse hai pouco nun bosque do castelo de Neuville, nos Gibelines. Alí, o arqueólogo Olivier Weller experimentou a que denominou "arqueoloxía do marabilloso", escavando o decorado da cabana na que vivía a personaxe do conto de Perrault Pel de burro —interpretada por Catherine Deneuve— no filme homónimo dirixido por Jacques Demy en 1970. Ademais de poliuretano e plásticos de todo tipo —esas sensibilidades ecolóxicas do tempo!—, os arqueólogos recuperaron pequenos brillantes de bixutería —do traxe da Deneuve!— e, por detrás de onde debían estar as cámaras, un inxente número de cabichas deixadas polos cámaras e os directores. O equipo tiña moitas dúbidas sobre a disposición orixinal dalgúns elementos. "Se iso nos pasa cun plató de cine dos 70", pregúntase Weller, "como podemos estar tan seguros sobre as cabanas do Neolítico?".

Ao remataren, as mesas foron soterradas, tal e como quedaran, nunha gabia.


OLFACTO
Pero se cadra a acción de arqueoloxía contemporánea máis intrigante realizouse en 2010 sobre unha performance artística, o Déjeuner sous l’herbe (Xantar baixo a herba) de Daniel Spoerri. Unha paparota a base de entrañas celebrada en 1983 no xardín do castelo de Montcel en Jouy en Josas. Ao remataren, as mesas foron soterradas, tal e como quedaran, nunha gabia. Corenta metros liñais de restos de banquete. Na acción orixinal, posiblemente estaba o recordo do pai de Spoerri, un xudeu húngaro asasinado polos nazis diante da gabia que el mesmo cavara. Boa parte do proxecto arqueolóxico foi comprobar se o Estado consideraría a intervención como escavación arqueolóxica -non o fixo, e así contestou por carta-, pero tamén decatarse de como apenas neses anos, xa había notables diverxencias entre a memoria dos participantes e a realidade do que se achaba nas mesas.


VISTA
Alguén se preguntará que sentido ten escavar sucesos tan recentes. Non están os medios, a tradición oral...? A Xunta só comeza a considerar algo como ‘arqueolóxico’ a partir dos cen anos. É unha boa cuestión: que nos pode achegar a arqueoloxía a feitos tan próximos? Eu teño unha resposta: fainos repensar o xeito no que os entendemos. Se estamos facendo as preguntas correctas. Ilumina desde outro punto e permite pensar. A materialidade dos obxectos e dos sitios constrúe a súa propia percepción. Tanto ten que viras mil veces o Panteón de Roma en fotos, documentais e manuais de historia da arte. Non se entende ata que non se visita e un se coloca no cabo da columna de luz que baixa dos deuses. 


DEGRADACIÓN
Non son arqueólogo, pero este debate deita cuestións interesantes non só sobre o pasado, senón tamén sobre o presente. Pode a arqueoloxía, a materialidade das cousas, alumear a realidade agachada trala tramoia de relatos que a tentan camuflar? Unha vez, nun muíño abandonado, atopamos un fardel de revistas porno de finais dos 70. Se cadra aquelo contaba máis sobre unha época da historia do país que moitas crónicas.

Comentarios