Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Villalobos entre dous océanos

Nado en Cuba, establecido en Vigo, e cun pé en cada orela do Atlántico, Nelson Villalobos acada na súa obra unha fusión de dúas latitudes que converten as súas obras nunha abraiante plástica, de exuberantes argumentos formais, máis tamén dunha fonda carga simbólica
7.-El-viaje.-Villalobos
photo_camera 7.-El-viaje.-Villalobos

O MUSEO do Mar, na parroquia viguesa de Alcabre, ten moito de mirador cara alén do océano. A nosa mirada, xoga coa arquitectura de César Portela, con ese granito salgado polas ondas do mar de Vigo, ao tempo que diriximos a vista cara a unhas Cíes despois das que o mar xa é completamente libre. Nesa liberdade creativa navega Nelson Villalobos (Cienfuegos, Cuba; 1956) para obrigarnos a tamén realizar unha singradura por unha plástica de numerosas connotacións. De influencias dos dous continentes, que van dende o universo simbólico centro e suramericano, aos movementos das vangardas europeas e, por suposto, Picasso e Matisse, nunha vértixe creativa que Villalobos estende a outros territorios creativos como a música ou a poesía.

Por todo isto teñen moita razón cando se anuncia esta exposición como unha exaltación dos nosos sentidos, como unha festa do goce de achegarse á arte como un medio de trascendencia, tamén de evasión dunha realidade non sempre sinxela que, nesta contorna, proxéctase cara o exterior dunha natureza fascinante. Nelson Villalobos propón nesta mostra un percorrido polas súas diferentes series desenvolvidas entre 1995 e 2020 baixo o título de Blanquísima su presencia. Unha mostra diversa, como diversa é a creatividade deste home, dunha xa dilatada traxectoria, con exposicións realizadas en ambas orelas do Atlántico que se propón dende a pintura, o debuxo, o gravado —do que é un recoñecido mestre— ou a escultura, só por citar o seu percorrido plástico sen deternos noutro tipo de proxectos que leva desenvolvendo dende a súa chegada a nosa terra.

Pezas en branco e negro ou en cor, pero en todas elas pódese sentir esa experiencia vital, ese deixar constancia das pegadas que deixa a vidaPezas en branco e negro ou en cor, pero en todas elas pódese sentir esa experiencia vital, ese deixar constancia das pegadas que deixa a vida

Nesta exposición condénsanse todos eses anos de pintura e de miradas a unha e outra terra, tamén de amizades como a do poeta Carlos Oroza, cuxo ‘Évame’ asoma entre as figuras matissianas dunha das súas pezas. Amizades que fixeron de Nelson Villalobos unha onda máis do noso mar, e a ese mar dálle protagonismo nesta mostra, como elo entre terras, pero tamén entre as persoas, singularizándose nunha obra feita durante o tempo do confinamento.
Un panel de case oito metros de longo no que visualmente se une o propio Museo do Mar, Galicia, coa súa terra natal cubana, a través de ese universo mariño, pero tamén de toda unha serie de símbolos de ambas orelas que enchen o cadro dunha narratividade que nos sitúa na propia vida do autor, onde tamén ten cabida o enxeño e o humor, pero sobre todo a vida. Esa vida é a que tamén rastrexamos no conxunto de pezas que compoñen a mostra. Pezas en branco e negro ou en cor, pero en todas elas pódese sentir esa experiencia vital, ese deixar constancia das pegadas que deixa a vida en forma de experiencias, lecturas, visións, amizades... e que se sedimentan nas obras como o mellor sustrato posible.

Nas súas obras impera o gusto polo senso ilustrativo, polas liñas firmes e as cores puras. Por unha formalidade no traballo da obra dunha gran planitude que leva a situarnos ante un traballo cunha gran potencia visual, onde o signo e a forma actúan como reclamos para que o espectador se sitúe ante cada unha desas series nas que o autor se decanta por activar toda unha serie de símbolos, de presenzas artísticas que xorden de culturas africanas ou latinoamericanas. Inspiracións que tamén se moven no universo do onírico, no mundo duns soños cunha gran carga poética. Miró, Dalí ou o primitivismo, son pegadas que nos asaltan ao longo da mostra para entender como Villalobos gusta de armar o seu discurso a partir da mirada cara outras sensibilidades para, finalmente, concederlles a súa propia.

Saímos da exposición coa intensidade do vivido, con esa mirada cara a unhas ondas que no exterior deste edificio se proxectan na realidade para activar esa idea da viaxe que recoñecemos en toda a mostra. O certo é que toda ela é unha reflexión sobre esa sensación de moverse entre xeografías, de cambiar de latitudes á procura dun lugar no que instalarse, ao tempo que se enche de experiencias que agora se traducen en pinceladas e en máxicos mundos pictóricos que nos convocan fronte a un gran creador entre dous océanos: Nelson Villalobos.

Comentarios