Un voo entre Santiago e Palma, a piques de chocar con outro avión no espazo aéreo

Este incidente "grave" ocorreu na tarde do pasado 2 de outubro

Avións da compañía Ryanair. EFE
photo_camera Avións da compañía Ryanair. EFE

Dous avións de Ryanair, un que cubría a ruta entre Santiago e Palma de Mallorca e outro que voaba desde Sevilla a Toulouse, estiveron en risco de chocar en voo preto de Pamplona a inicios deste mes de outubro. 

Así o indica o informe preliminar realizado pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (Ciaiac), un organismo independente vinculado ao Ministerio de Fomento que está a investigar as circunstancias dos feitos. 

Segundo indica o informe preliminar, este incidente "grave" ocorreu na tarde do pasado 2 de outubro, cando un Boeing 737-800 da compañía Ryanair que voaba en dirección a Palma e outra aeronave de iguais características que se dirixía a Toulouse aproximáronse ata niveis de risco a uns 30 quilómetros de Pamplona, cando ían en ruta. 

Os avións atopábanse "en frecuencia co centro de control de área de Madrid" cando sufriron unha "perda de separación" que activou os avisos de alerta do Sistema Anticolisión en Voo de ambas as aeronaves. 

Segundo explica o organismo, os avións chegaron a estar a uns catro quilómetros de separación horizontal e a só 122 metros de separación vertical. Ao activarse o aviso do TCAS RA, as tripulacións corrixiron a traxectoria e resolveron a incidencia, continuando ata destino sen máis contratempos. 

Comentarios