Os votantes de Vox son os que máis se separan ou divorcian, segundo o CIS

O barómetro tamén recolle que hai máis ateos nas filas do partido de Abascal que no PP
Santiago Abascal. EFE
photo_camera Santiago Abascal. EFE

Os votantes de Vox, aínda que de ideoloxía moi conservadora, son os que máis se divorcian de todas as formacións políticas, cun 8,4 por cento do seu electorado (ata o 14% se se suman as separacións) e, ademais, tampouco son especialmente relixiosos, xa que os do PP supéranos con fartura.

Estes son algúns dos datos que reflicte o barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) do mes de xullo, no que o partido de Santiago Abascal é o que máis divorciados e separados rexistra (14 por cento de total), seguido a bastante distancia de Podemos (8,5%), PSOE (8,2%), PP (6,7%) e Cidadáns (5,5%).

Sobre a confesión relixiosa dos votantes, un 56,9 por cento dos que elixe a papeleta do PP declárase católico practicante, mentres que os de Vox supoñen un 29,9%, un 19,9% os socialistas, 19,5 os que optan polo partido laranxa e só un 4,5 os que votan a Podemos.

De misa dominical e festivos son sobre todo os que se decantan polo PP (28,2%) e os que elixen a Vox (15,5%), porque entre os votantes relixiosos do partido de Albert Rivera os que acoden á igrexa cada domingo baixan ao 9,1 por cento, ao 8,8 por cento os socialistas e ata o 2,5 dos morados.

MÁIS ATEOS EN VOX QUE NO PP. Tamén destaca a porcentaxe de ateos entre as filas de Vox, un 11,2 por cento, moitos máis que os do PP (1,7%) e incluso que Cidadáns (6,5%). Os ateos dentro dos votantes socialistas supoñen o 13% e en Podemos chegan ao 28%.

Vox sobresae igualmente pola elevada proporción que ten de electores homes (un 70,1 %), encabezando unha lista na que o segundo posto dispútanllo Cidadáns (50,9 %) e Podemos (50,8 %), seguido do PSOE (46,3 %).

Pola contra, o partido de ultradereita ten o menor índice de mulleres votantes (29,9 %), que, segundo o CIS, ven mellor representadas no PP (56,2 %) e o PSOE (53,7 %), mentres que Podemos (49,2 %) e Cidadáns (49,1 %) practicamente empatan.

En canto ao nivel educativo, o PSOE (6,7%) e o PP (5,2%) acumulan o maior número de electores sen estudos, situándose no outro extremo Cs (2%), Podemos (0,8%) e Vox (0,9%).

A maioría dos universitarios concéntranse precisamente nestas tres forzas, sobre todo en Podemos (36,2%), ao que seguen Cs (30%) e Vox (28%). O PP, cun 21,7 % de universitarios, e o PSOE cun 20 %, sitúanse na cola das catro principais formacións.

O PP é o partido con máis votantes viúvos
Outro aspecto importante que mostra a sondaxe do CIS é o perfil de idade dos votantes, e así o PP é o que ten máis tirón entre os xubilados (46,4 %), mentres que Podemos, cun 7,7 %, e Vox, cun 9,3 %, son aos que menos apoian. No medio están o PSOE, cun 27,1 % de votantes de máis de 65 anos, e Cidadáns, cun 14,3 %.

Os votantes máis novos, de 18 a 24 anos, decántanse sobre todo por Podemos (un 13,4 %) e salvo o PP, que só ten un 2,9 % de respaldo moi novo, o resto de partidos, incluído Vox, móvense na contorna do 7-8 %.

Precisamente, a idade dos votantes condiciona tamén outra das variables que resalta o instituto demoscópico ao concluír que o PP, cun 13,9%, é o partido que máis votantes viúvos ten, seguido dos socialistas, cun 10,5%.

Ao outro extremo sitúanse as formacións que teñen unha base electoral moito máis nova e por iso parece lóxico pensar que menos viúvos: Vox (4,7 %), Cidadáns (4,4 %) e Podemos (1,2 %). 

Comentarios