Imprimir

O xiro á desvértebra

Ramón Rozas | La vida en un hilo / A vida nun fío

Ramón Rozas | 12 de enero de 2021

Vértebras
Vértebras
Ana Romaní recupera o pulo poético con A desvértebra texto que, saído do prelo de Chan da Pólvora, sitúanos ante unha proposta inmersiva na que o literario, o xeográfico e o político xeran un espazo de exploración do eu fronte ao colectivo, do ser ante unha orografía imprevista.

O  27 DE outubro de 2019 remataba a impresión de A desvértebra. Unha data que ten pouco de casual xa que nese día cumpriuse o sexto aniversario do pasamento da inesquecible xornalista e escritora, Begoña Caamaño, que, como afirma a autora do libro, Ana Romaní, "o seu oco deveu en manancial". Ese apuntamento no final deste poemario é moito máis que unha adicatoria ou unha lembranza, xa que Begoña Caamaño se conforma ao longo do texto como unha reveladora presenza da súa figura singular e do que supuxo na vida cultural e creativa de Galicia, máis tamén no ámbito da complicidade, das amizades, como forxas de alento para os que a coñeceron.

En tempos do que Ana Romaní define como "inflación retórica das palabras" este poemario emerxe cunha enorme afouteza, coa palabra como velas que encher do aire dunha vida non sempre sinxela nin agarimosa co ser humano. A poeta propón unha travesía, un percorrido por diferentes xeografías e espazos que levedan dende esas palabras as veces mol, outras, gume. Arames polos que movernos e dende os que calibrar unha realidade que case sempre nós mesmos poñemos contra as cordas.

Ao fin e ao cabo é unha maneira de sentir como o noso corpo suxeita sobre el o senso da existencia con todo o que iso supón. Ese peso é o que lle concede ao noso corpo a sensación de resistencia, a maneira de facer do noso sistema físico, da pel, da carne, dos ósos, unha cartografía que amose, non só a forza, senón tamén a fraxilidade: "Que peso poden soportar as columnas crebadas?"  Así é como a carón da memoria, da experiencia, do contacto, asoma a dor, a fenda que tantas veces nos engule como unha proba da nosa capacidade para ser humanos, porque ao fin e ao cabo moverse polos "cumes do medo" é tamén sentirse vivos, atopar nesa dialéctica entre a esperanza e a escuridade a nosa auténtica identidade, aquela que máis nos expreme, e que procura un zume tan complexo de identificarse, ata o intre en que nos facemos abismos, ata que asexamos unha xeografía que fronte a nós leva á exploración do que somos.

 Naturezas condicionadas polas diferentes climatoloxías, o frío, o aloumiño do sol, o agromar das sensacións, o facer da pel epiderme que nos lembre a vida.

A palabra xeografía xoga un papel seminal neste poemario que vai dese eu do corpo como territorio ata a esa realidade que se prolonga ante nós, que nos envolve e que modifica moito do que facemos. Un proceso de erosión que converte á relación entre corpo e natureza en cerna deste tránsito entre palabras e ocos, xogos de palabras que procuran o seu lugar na páxina, intersticios dunha nova realidade, espazos detidos ante os que asomarnos para asexar as "cartografías imprevistas", onde non sempre estamos cómodos, pero nas que precisamos sentirnos para identificar o que realmente acontece en nós. Naturezas condicionadas polas diferentes climatoloxías, o frío, o aloumiño do sol, o agromar das sensacións, o facer da pel epiderme que nos lembre a vida.

Un poemario en feminino, no que xunto á palabra da propia autora e a xa mencionada Begoña Caamaño, convócase a Anne Carson ou a Elisabeth Bishop, poetas que transitan nesa esculca da identidade, nese propoñer a relación da muller coa contorna, cos outros, con elas mesmas, tamén coas que foron antes ca elas. O poema poboadoras de substratos sinala de xeito vibrante ese medrar, ese respirar, o configurarse dende as que foron antes, a alianza, a revolta, "si sempre fomos raras/ algo raras". Bendita rareza! 

Referente do xornalismo cultural en Galicia a presenza de Ana Romaní na poesía vén xa de lonxe. Arden (1998), Estalactitas (2002) ou Estremas (2010), o seu traballo espállase tamén noutras traxectorias que falan dese senso exploratorio, dunha muller inqueda que tinxe do feminino un labor de mergullo e acción que agora nos acolle nesta simbólica desvértebra que asume a súa fraxilidade, "o seu desprenderse", unha forma de esvaecer no tempo e na memoria, baixo os liques da natureza, baixo a nosa condición perentoria.

Puede ver este artículo en la siguitente dirección /blog/ramon-rozas/xiro-desvertebra/20210111112213089114.html


© 2021 Galiciae

Fernando de Casa Novoa, 37 B 2ºC Santiago de Compostela

Tlfno: 981 55 25 30

(Grupo El Progreso)