O xuízo polo presunto "enchufe" da cuñada de Silva será o 15 e 16 de maio

Un empresario "aparentou" a contratación da muller, a pesar de que a empresa non necesitaba máis persoal

Carmela Silva. DP
photo_camera Carmela Silva. DP

A sección quinta da Audiencia de Pontevedra acollerá os próximos 15 e 16 de maio o xuízo contra o funcionario do Concello de Vigo Francisco Javier G.O. e contra o xerente de Imesapi, Ramón C.A., en relación co suposto "enchufe" nesta concesionaria da cuñada de Carmela Silva.

Francisco Javier G.O. afronta unha pena de oito anos de cárcere, que solicita a Fiscalía polos delitos de prevaricación, malversación e falsidade documental, e Ramón C.A., 7 anos, por malversación e falsidade, como cooperador necesario, no "suposto enchufe" da cuñada da presidenta da Deputación de Pontevedra. Ademais das penas de cárcere, que a acusación popular eleva a 28 anos para Francisco Javier G.O. e a 13 para Ramón C.A., a Fiscalía pide inhabilitar ao primeiro para emprego ou cargo público durante 30 anos.

A defensa de ambos piden a súa absolución. Nesta causa foron investigados a cuñada de Carmela Silva, Vanesa F.B., o concelleiro de Participación Cidadá de Vigo, Santos Héctor, e José Antonio M.B., apoderado de Imesapi, aínda que ao longo da instrución o xuíz sobreseeu as actuacións respecto deles.

Segundo se recolle no escrito de Fiscalía, Francisco Javier G.O., na súa condición de xefe do servizo de Participación Cidadá, "coa intención fraudulenta" de que o Concello de Vigo dese unha ocupación laboral á cuñada de Carmela Silva, "ideou un plan" ao efecto. Este consistiu, "con flagrante vulneración da legalidade", en requirir ao outro procesado, Ramón C.A., administrador de Imesapi, a contratación de Vanesa F.B. nesta concesionaria.

Para iso, o empresario "aparentou" a contratación da cuñada de Silva, a pesar de que a empresa non necesitaba máis persoal e sen que Imesapi fora o seu empleador, xa que aquela recibía ordes do funcionario municipal. Ademais, para o abono das súas nóminas, "elaboradas de forma mendaz en canto a cantidades e conceptos", ambos planearon, segundo a fiscal, un plan polo que Imesapi facturaba ao Concello de Vigo diversas cantidades a través do "uso fraudulento" de sucesivos contratos menores adxudicados directamente a esta empresa.

Estes contratos menores estaban relacionados coa elaboración dunhas enquisas de calidade dos servizos municipais, polas que o Concello de Vigo pagou 108.147,22 euros, que Imesapi non elaborou e cuxa autoría se descoñece.

O Xulgado de Instrución 7 de Vigo desimputou a Santos Héctor, concelleiro e naquel momento secretario provincial do PSdeG-PSOE en Pontevedra, ao non quedar acreditado que tivese "coñecemento efectivo" sobre a "finalidade pretendida" cos contratos menores de enquisas de calidade encargados polo seu departamento a Imesapi. Vanesa F.B. foi desimputada previamente por prescrición do delito que se lle atribuía, ademais dos interventores municipais Luís G.A. e Juan Ramón G.O. e do apoderado de Imesapi, José Antonio M.B..

Comentarios