O xulgado do contencioso-administrativo número 2 de Santiago de Compostela emitiu este martes un auto no que ratifica a medida adoptada pola Consellería de Sanidade e acorda o illamento e a corentena obrigatoria dun núcleo familiar formado por unha parella e a súa filla menor de idade, infectados pola Covid-19.
O pasado luns, 6 de xullo, Sanidade tomou a decisión, agora avalada polo xulgado, de que esta familia estea confinada en Ribeira ata que deixen de representar un risco para a saúde pública.
Segundo explica o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a prolongación desta medida dependerá do ditame do Servizo de Medicamento Preventivo do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.
O maxistrado destaca que a autoridade sanitaria tomou unha decisión que ten "suficiente amparo legal" e que está dirixida a un fin "constitucionalmente lexítimo" como "é a defensa da saúde pública, a integridade física e a saúde da poboación en xeral".
No auto, o xuíz indica que a resolución adoptada pola Xunta está "debidamente xustificada, respectando o principio de proporcionalidade que resulta da doutrina do Tribunal Constitucional". Ademais, resalta que é "adecuada", pois sostén que "non consta a posibilidade dunha medida menos gravosa ou lesiva para a consecución do obxectivo proposto".
Hai dúas semanas detectouse no Barbanza o primeiro brote en Galicia tras o estado de alarma, o cal chegou a ter ata nove positivos por coronavirus –oito casos en Ribeira e un na Pobra do Caramiñal–, aínda que este mesmo martes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deuno por "desactivado".