A Xunta amplía o bono de 7.000 euros que financia a formación de mozos en empresas

O Executivo galego dá continuidade este ano ao programa Emprega Xuventude

Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo. OLGA FERNÁNDEZ
photo_camera Francisco Conde, nunha imaxe de arquivo. OLGA FERNÁNDEZ

A Xunta dá continuidade este ano ao programa Emprega Xuventude, unha iniciativa que busca mellorar a situación laboral dos mozos galegos a través dun bono de 7.000 euros que financia nas empresas a formación á carta dos traballadores e incentiva a súa contratación. 

A iniciativa foi posta en marcha no pasado exercicio e este ano, como novidade, amplíase o programa a todos os sectores de actividade (en 2017 limitouse ás empresas da Industria 4.0. e á agroalimentación) para contratar 300 menores de anos. Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá case 1,9 millóns de euros. 

Nun comunicado, o departamento que dirixe Francisco Conde explicou que o bono de formación de 2.000 euros concédese ás empresas para que poidan impartir cualificación á carga e axustada ás súas necesidades, é dicir, a formación céntrase nas características do posto para o que é contratado o mozo. 

Nesta edición, como novidade, este bono será opcional. Ademais, para incentivar a contratación, outórgase, tamén ás compañías, un bono de 5.000 euros para apoiar a contratación ao longo dun ano como mínimo. 

Outra das novidades deste ano, ademais da ampliación a todos os sectores de actividade e do carácter opcional do bono formación, é que se elimina o número de traballadores a contratar por parte das empresas para que poidan ser beneficiarias das axudas. 

A Xunta destacou que o obxectivo de Emprega Xuventude é impulsar o emprego estable e de calidade entre os mozos, axudando ao tecido empresarial a gañar en competitividade ao dispoñer de persoas traballadoras axustadas ás súas necesidades. 

Comentarios