A Xunta aproba unhas contas de 10.149 millóns para 2020

Neste contexto as previsións do Goberno autonómico son que a economía galega creza un 1,9 por cento o próximo ano
Valeriano Martínez. XOÁN REY
photo_camera Valeriano Martínez. XOÁN REY

O Goberno galego ha aprobado este xoves o anteproxecto de lei de orzamentos para 2020, que fixa un total de 10.149 millóns de euros de gasto non financeiro, un 3 % máis (300 millóns de euros) que este ano.

Tras a reunión do Consello da Xunta, tanto o xefe do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, como o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, incidiron en que Galicia aposta coa aprobación un ano máis "en tempo e forma" dun proxecto de orzamentos por intentar manter a súa estabilidade e situarse á marxe das "incertezas" do Goberno central.

Neste contexto a Xunta prevé que a economía galega creza un 1,9 por cento o próximo ano, unha décima por encima do conxunto da economía española (1,8 %) e medio punto sobre o crecemento previsto na zona euro (1,4 %) e unha previsión de acabar o próximo ano cunha taxa de desemprego "sobre o 10 %", tal e como se fixou no Plan Estratéxico 2015-2020.

As contas galegas apostan, ademais, por aumentar o gasto social e por continuar coa rebaixa de impostos, centradas na adquisición de vivenda no rural, nas herdanzas, na transmisión de empresas familiares e no IRPF, coa desgravación por primeira vez dunha dedución "verde" con bonificacións de ata 1.500 euros por adoptar medidas de eficiencia enerxética nas vivendas.

A Consellería de Sanidade, a de Educación e as políticas de benestar serán as principais partidas de gasto social

No caso das herdanzas entre familiares directos, a Xunta amplía o suposto de exencións no caso do imposto de sucesións, de modo que aquelas que cheguen ata o millón de euros -ademais da vivenda habitual- non pagarán por herdar.

Isto suporá, na práctica, a eliminación deste imposto "para o 99,9 por cento dos galegos", sinalou Núñez Feijóo.

No caso das vivendas no rural, a Xunta rebaixa do 7 ao 5 % o Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) para vivendas habituais e do 10 ao 6 % para segundas residencias, con carácter xeral.

Ademais destas medidas, tal e como adiantara no pasado debate de política xeral, a Xunta contempla a gratuidade nas escolas infantís (0-3 anos) a partir do segundo fillo "con independencia" da idade do primeiro fillo.

Núñez Feijóo incidiu, ademais, en que a partida que máis baixa nas contas do próximo ano é a destinada ao pago de intereses da débeda

Por áreas, o gasto social será "o maior" da historia de Galicia, con ata 7.400 millóns de euros e "dos 300 millóns de euros que soben os orzamentos, 248 millóns dedícanse a gasto social", referendou.

A Consellería de Sanidade (4.100 millóns de euros), a de Educación (2.465 millóns de euros) e as políticas de benestar (830 millóns de euros) serán as principais partidas de gasto social.

Outra das partidas específicas importantes será a dedicada ao Xacobeo, que terá 82 millóns de euros, en distintos departamentos para preparar o evento do ano 2021.

A Xunta prevé tamén que en 2020 -ano electoral autonómico- os investimentos cheguen a 1.691 millóns de euros e que as subidas a empregados públicos alcancen o 2,2 por cento, aínda que serán aprobadas unha vez haxa autorización do Goberno vía novos orzamentos.

Núñez Feijóo incidiu, ademais, en que a partida que máis baixa nas contas do próximo ano é a destinada ao pago de intereses da débeda, "un 13 %, 22 millóns de euros menos", explicou, que se poderán dedicar a gasto social.