A Xunta consignará "o crédito suficiente" para a subida salarial a funcionarios

O conselleiro de Facenda: "Non debemos loquear coa desaceleración, pero debemos saber o que temos entre mans"
Valeriano Martínez. XOÁN REY
photo_camera Valeriano Martínez. XOÁN REY

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, referiuse á rebaixa de crecemento do PIB en España feita pública este martes polo Goberno central (descende ao 2,1% en 2019 e ao 1,8% en 2020), "catro ou cinco décimas menos que o que estaba estimado para este ano". "Está a haber desacelaración, non debemos loquear, pero, obviamente, debemos saber o que temos entre mans", avisa. 

Este martes o conselleiro reuniuse con representantes da patronal e sindicatos para exporlles as liñas mestras dos orzamentos da Xunta de 2020, que se aprobarán no Consello deste xoves. Considera achegan "certezas" nesta "etapa de clara desaceleración económica", así como "un pouco de ilusión". 

Por iso, Valeriano Martínez apoia "eliminar as incertezas e gañar en certidumbres e cumprir as cousas" a través destas contas, que inclúen un crecemento en Galicia do 2% para 2019 e do 1,9% para 2020. Ademais, hai unha estimación "positiva" para a creación de emprego, ata quedar a taxa de paro "moi próxima ao 10%" a final de 2020. 

Así, as contas da Xunta incluirán unha subida para as políticas de emprego por encima do crecemento do orzamento —que será da contorna do 3%—. As contas apostan por seguir coa alza das "políticas de crecemento económico", mentres inclúen un "incremento sensible" dos gastos de capital.

Valeriano Martínez incidiu en que esta é "a garantía mínima" de subida do 2,2% para os funcionarios

ENTRE 80 E 90 MILLóNS PARA A SUBIDA DO 2,2% A Funcionarios. Así mesmo, o conselleiro de Facenda explicou que nas contas vaise a consignar "o crédito suficiente" para a subida salarial a empregados públicos do 2,2% a partir do 1 de xaneiro —"cando se teña habilitación do Estado", dixo—. A Xunta destinará entre 80 e 90 millóns de euros para esta subida, segundo cifrou. 

Valeriano Martínez incidiu en que esta é "a garantía mínima" de subida do 2,2% para os funcionarios, pois a isto hai que sumar outros incrementos como continuación da carreira profesional no Sergas, o acordo salarial con docentes e persoal da Xustiza, así como outros específicos.

A CEG VALORA O ESFORZO INVESTIDOR. Pola súa banda, o secretario xeral en funcións da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), José Antonio Neira, valorou, "especialmente, o esforzo investidor" da Xunta nun período de desaceleración que "pode apoiar os cambios produtivos" na economía galega como a dixitalización.

En declaracións aos medios á saída da reunión, Neira remarca que os datos de paro, afiliación e crecemento "son positivos", mentres agradece a "certidumbre" das contas fronte á retardación económica.

A preguntas sobre a crise industrial galega, o secretario xeral en funcións da patronal chamou a establecer medidas para que haxa unha transición ecolóxica "progresivamente".

Avisa de que o peche de centrais "non sería bo" para Galicia, mentres noutros países "non están polo peche", polo que pide medidas para o seu mantemento. 

Comentarios