A Xunta crea as Medallas Emilia Pardo Bazán para quen traballan "pola igualdade"

Feijóo, preguntado se se considera feminista, pide "concretar" o termo e afirma que "a loita pola igualdade real non acabou"

Alberto Núñez Feijóo.XOÁN REY (Efe)
photo_camera Alberto Núñez Feijóo.XOÁN REY (Efe)

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou a creación das Medallas Emilia Pardo Bazán, destinadas a recoñecer o traballo de persoas e entidades pola igualdade entre home e mulleres. En concreto, concederanse tres premios e a entrega será o próximo 16 de setembro, coincidindo co aniversario do nacemento da escritora que lles dá nome.

O Goberno galego aprobou este xoves o inicio da tramitación do anteproxecto de decreto polo que se establece esta condecoración que recoñecerá a individuos, colectivos, entidades privadas ou institucións públicas que levan a cabo actuacións "relevantes" no ámbito da igualdade.

Na comparecencia posterior á reunión semanal co seu Executivo, Feijóo explicou que as medallas levarán o nome da escritora galega Emilia Pardo Bazán por ser "precursora de ideas de igualdade" de dereitos a través da súa literatura e "reivindicativa" da educación das mulleres.

"As cousas que dicía entón eran cousas atípicas que no seu momento a sociedade non entendía", asegurou o titular da Xunta, quen tamén valorou que "a sociedade galega actual tamén conta con institucións exemplares" neste ámbito que poderán ser recoñecidas a través deste premio.

FEIJÓO, PREGUNTADO SOBRE SE É FEMINISTA

Ademais, Feijóo foi preguntado na rolda de prensa sobre se se considera feminista, ao que pediu "concretar o contido e alcance" do concepto. No entanto, si manifestou que "as mulleres teñen, por suposto e sen ningunha discusión, os mesmos dereitos que os homes", polo que "reformular" este debate sería, ao seu xuízo, "un disparate".

Tras isto, o xornalista pediulle claridade, ao que Feijóo volveu a demandar "concretar que se considera por feminista". "Se vostede ponme un tema para facer unha redacción e explícame exactamente como se concreta esa pregunta, eu contéstolle", asegurou.

"Que se pregunte se un home respecta a unha muller como pregunta, verá vostede... é que se un home non respecta a unha muller non é que non sexa un home, é que simplemente non é persoa", aseverou.

Seguidamente, mostrou o apoio "absoluto" da Xunta á igualdade entre xéneros, para despois lamentar a "desigualdade real efectiva" que "segue habendo" entre homes e mulleres para "exercitar determinadas profesións" ou na "conciliación".

En definitiva, Feijóo insistiu en que "moitas veces sente vergenza" ao ver a un home "que abusa da súa fortaleza física, verbal, económica ou calquera outra". Así, subliñou: "A loita pola igualdade real das mulleres non acabou, continúa".

Comentarios