A Xunta inspeccionará 1.500 pontes durante os próximos cinco anos

Destinará 1,5 millóns a esa inspección, aínda que di que o estado "é bo" ► Licitará no verán outro contrato por 230.000 euros para estender os traballos a muros de contención e noiros

Puente Blanco de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Ponte Branco de Lugo. VICTORIA RODRÍGUEZ

A Xunta destinará preto de 1,5 millóns de euros para realizar máis de 1.600 inspeccións de pontes e obras de paso durante os próximos cinco anos.

En rolda de prensa en Santiago, a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, informou de que o estado das pontes galegas "é bo", pero se realizarán estes traballos para garantir o seu mantemento. Así, publicouse este luns a licitación á que se poden presentar ofertas ata o 17 de xuño. O contrato é de tres anos, prorrogable outros dous máis. 

Persoal e técnicos especialistas e con experiencia revisarán case a totalidade dos 170 quilómetros de pontes que hai nos 5.500 quilómetros de estradas autonómicas. 

Infraestruturas realiza tres tipos de revisións nas pontes, unha de tipo rutineiro (cada 15-18 meses), outra en profundidade (cada cinco anos) e outra de tipo especial (cando se detectan elementos danados que así o xustifican). 

Estas revisións en profundidade incluirán actuacións especiais por danos detectados. A corrosión e as fisuras por elementos como a auga son algúns dos casos que provocan o maior número de arranxos. Ademais, haberá 10 que se realizarán con drones, 30 acuáticas e 24 subacuáticas, así como 85 con guindastres. 

Así mesmo, a Xunta licitará no verán un novo contrato, por uns 230.000 euros, para estender estas actuacións a muros de contención e noiros.

GUÍA GALEGA 
Esta licitación inclúe a novidade respecto de anteriores contratos de que a empresa adxudicataria deberá elaborar unha guía galega sobre inspeccións e obras de paso. 

Sobre este extremo, Ethel Vázquez explicou que ata a data o único manual existente é o elaborado polo Ministerio de Fomento, polo que o obxectivo é "adaptalo á realidade" de Galicia.

CASE 300 PONTES CON MÁIS DE 100 ANOS 
As vías autonómicas contan con 5.500 quilómetros, dos cales 170 quilómetros son pontes (hai 308 pontes de pedra e 1.497 de formigón). O 76% das pontes están sobre o curso da auga e hai unha estrutura elevada en cada tres quilómetros de estrada. 

Ademais, hai 292 pontes anteriores ao ano 1900, o que supón o 16% do total. Un dos casos significativos é o da ponte romana de Bibei, en Trives (Ourense), do ano 80 logo de Cristo. 

Comentarios