A Xunta non ve que as axudas do Goberno ao viño "se adapten á realidade galega"

O conselleiro José González apunta que aplicándose os criterios técnicos, Galicia só beneficiaríase duns 300.000 euros dos 90 millóns anunciados
O conselleiro de Medio Rural, José González. EFE
photo_camera O conselleiro de Medio Rural, José González. EFE

O conselleiro de Medio Rural, José González, reclamou ao Goberno central "que teña en conta ás autonomías" á hora de deseñar ou aplicar liñas de axudas, xa que, tal e como valorou, as axudas aprobadas polo executivo para o viño "non serven en absoluto" para Galicia.

Segundo o conselleiro, os criterios considerados por Madrid non serven para o sector galego porque, aplicándose os criterios técnicos, Galicia só podería beneficiarse, como moito, cun total de 300.000 euros sobre o total de 90 millóns para o conxunto de España.

González afirmou este mércores que as axudas aprobadas terán unha incidencia "escasa ou nula" en Galicia e pediu que este tipo de decisións "sexan previamente comentadas e consensuadas coas comunidades", co obxectivo de establecer unha "mellor adecuación ás características de cada territorio".

Para o conselleiro esta cuestión é "especialmente grave" dado que os viños galegos de denominación de orixe xeral "ao redor do 6% do valor engadido destas producións a nivel nacional, o que suporía máis de 5 millóns de euros.

"O Goberno marca unhas axudas extraordinarias sen ter en conta as especificidades das nosas explotacións", manifestou.

En canto ás axudas para a destilación, González recalcou que os viños galegos "teñen un posicionamento de prezo no mercado de tipo medio-alto", polo que esta iniciativa "invalida" a Galicia fronte a outras zonas de España con grandes superficies de cultivo e prezos baixos de uva, nas que si que podería ser efectiva.

Para a colleita verde González tampouco ve que as axudas poidan aplicarse a Galicia, xa que só serían aplicables en superficies mínimas de 0,3 hectáreas, cando a media dos viñedos galegos é de 0,250 hectáreas.

A Consellería considera, xa que logo, "un despropósito" o deber establecido polo ministerio de que os consellos reguladores teñan que reducir a produción nesta mesma vendima, diminuíndo os rendementos máximos por hectárea para vinificación.

Así, o Goberno galego criticou "a escasa marxe de tempo" para actuar por parte dos consellos reguladores e lamentou que o sector, "enormemente afectado pola covid-19 e anteriormente polos aranceis de Estados Unidos" teña que verse obrigado agora a reducir "a súa produción".

Para rematar, González referiuse ás achegas do Executivo central para o sector ovino e caprino, que considerou "insuficientes" e que, segundo dixo, "prexudican ás pequenas explotacións".

As axudas parten dun mínimo de 30 femias reprodutoras no caso do caprino e de 50 no caso do ovino, polo que, de 10 millóns de euros de axudas, Galicia só podería percibir a "irrisoria cantidade" de 63.096 euros.

Neste sentido, a Xunta recordou que en Galicia hai ao redor de 220.000 ovellas e cabras, distribuídas en 22.000 rabaños, cunha media de 10 cabezas por rabaño.

Comentarios