A Xunta restablece todos os servizos de autobús dentro das provincias desde o 1 de xullo

Os que discorren entre provincias diferentes deberán estar daquela polo menos ao 80%
Los asientos de un autobús
photo_camera Os asentos dun autobús. ARCHIVO

A Xunta ordenou que os servizos de autobús de titularidade autonómica que se realizan dentro dunha mesma provincia funcionen ao cento por cento desde o 1 de xullo, mentres que os que discorren entre provincias distintas deberán estar ao 80 por cento, como mínimo, desde esa data. 

A Dirección Xeral de Mobilidade redactou unha resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia (DOG) nos próximos días e que busca impulsar a recuperación dos servizos de transporte de viaxeiros. O obxectivo é, segundo indicou a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade nunha nota de prensa, "garantir á cidadanía o acceso aos principais servizos básicos e aos centros de traballo", unha vez superadas as restricións a causa do coronavirus. 

Deste xeito, o transporte de titularidade autonómica irá recuperando a súa normalidade "plena". A resolución recorda que os servizos deberán prestarse segundo as condicións das concesións e contratos vixentes. 

A consellería desenvolve con estas medidas a orde aprobada o 6 de maio para os servizos de transporte público de viaxeiros de titularidade autonómica, que tiña como obxectivo a transición progresiva ao levantamento das restricións polo coronavirus. 

Comentarios