A Xunta rexeita a contraoferta dos sindicatos de Xustiza e négase a "variar" a súa proposta

Rueda asegura que o Executivo galego non vai aceptar "nin un pulso nin un toma e daca"

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda. GONZALO GARCÍA
photo_camera O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, en Pontevedra. GONZALO GARCÍA

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este martes estar "disposto" a renovar a negociación cos sindicatos da Administración de Xustiza, pero advertiu de que a proposta do Goberno galego "xa non vai variar".

En declaracións a un grupo de xornalistas en Pontevedra, Rueda explicou que nos últimos días a Xunta fixo unha nova oferta aos sindicatos "e esa será a que se manteña", xa que o o Executivo galego non aceptará "nin un pulso nin unha toma e daca".

O vicepresidente da Xunta dixo que a proposta remitida aos sindicatos mellora "substancialmente" as condicións dos funcionarios, que cobrarían entre 800 e 1.000 euros máis ao ano.

NEGOCIACIÓN. Os sindicatos convocantes dunha folga que cumpre este martes o seu quinto día de paro reclaman melloras salariais para os traballadores da Administración de Xustiza equiparalos ao resto de comunidades autónomas e unha serie de medidas para fomentar a contratación de persoas co fin de evitar a demora dos procesos.

A Xunta aceptou reducir de tres a dous anos a aplicación "efectiva" deste aumento salarial que, segundo Rueda, situaría aos funcionarios galegos na "parte alta" da táboa salarial do conxunto das comunidades autónomas españolas.

O responsable de Xustiza do Goberno galego reprochou aos sindicatos que cualificasen esta oferta de "ridícula", xa que supón un aumento salarial do 4%, segundo os seus cálculos, e asegurou que a proposta da parte social é "inasumible" para as arcas autonómicas, xa que representaría 3.000 euros máis ao ano para cada funcionario.

"NON TEN SENTIDO". "A Xunta non llo pode permitir", destacou Rueda, e dixo que a Xunta xestiona "recursos públicos" e debe administralos "con racionalidade".

Rueda opinou que "non ten sentido" que os sindicatos esixan unha subida salarial "cada vez que outra comunidade aumente o soldo aos seus funcionarios".

A pesar deste desencontro, Rueda expresou a súa confianza en renovar as negociacións en breve e afirmou que os representantes da Xunta "nunca nos levantamos da mesa" de representación do sector, mentres que os sindicatos "levantáronse e volveron en varias ocasións".

Comentarios