A Xunta traslada ao novo ministro as reivindicacións agro-pesqueiras

A conselleira do Mar pide corrixir aspectos dos novos regulamentos europeos para a pesca e a de Medio Rural que se mellore a tributación para o rural

Las conselleiras con el ministro Planas. EP
photo_camera As conselleiras co ministro Planas. EP

As conselleiras de Medio Rural e Mar aproveitaron este martes a súa primeira reunión co novo ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, para pór sobre a mesa as principais reivindicacións para o campo e o sector do mar en Galicia. Neste último ámbito, Rosa Quintana pediu actuar para minimizar o impacto sobre a flota dos novos regulamentos que prepara a Unión Europea. Un deles é o de medidas técnicas, que abarca a definición de todos os aparellos de pesca, mallas, regulación de profundidades e tamaños mínimos de especies, e no que o Executivo comunitario propón unha harmonización que Galicia rexeita.

En canto á normativa de control, que marca a vixilancia da trazabilidade dos produtos do mar e sobre o que se empezou a debater, a conselleira defendeu corrixir aspectos negativos para a pesca galega, como o preaviso de descarga en porto ou esixencias de transporte por estrada. Outro tema que abordou con Planas é a situación da flota dedicada ao percebe, navallas, algas, ourizos e poliquetos, reclamando que se dea continuidade ás negociacións emprendidas co anterior Goberno para crear un novo censo para este tipo de actividades.

Xa na conferencia sectorial de pesca celebrada tamén este martes en Madrid, pediu ao ministro contemplar unha parada temporal en outubro para os barcos de cerco e xeito que participan no plan de recuperación da sardiña.

CAMPO. A titular de Medio Rural, pola súa banda, enfocou as súas reivindicacións cara ao mantemento dos fondos da política agraria común (PAC) e propuxo "melloras" na tributación dentro do campo para favorecer a incorporación de mozas, rebaixar os impostos na cesión de dereitos de pago básico da PAC ou avanzar na fiscalidade forestal para fomentar a agrupación de propietarios. Ángel Vázquez tamén pediu axilidade cos decretos para a identificación da orixe do leite e a regulación de primeiros compradores.

Comentarios