O 80% dos españois é partidario de prohibir fumar nos coches nos que vaian nenos

A iniciación media no hábito tabáquico rolda os 17 anos

Una mujer fumando. PIXABAY
photo_camera Unha muller fumando. PIXABAY

A aceptación cidadá de novas normas para frear o consumo de tabaco é cada vez maior. Un exemplo é a proposta de prohibir fumar nos coches cando hai menores, unha medida coa que oito de cada dez españois aseguran que están de acordo.

Así o mostra a enquisa anual da Sociedad Española de Medicina de Familia y Comunitaria (Semfyc) sobre tabaquismo realizada a partir de 8.995 enquisas e que constata un lixeiro aumento de fumadores nos últimos tres anos ao pasar do 21% ao 23% e un retroceso de exfumadores —do 37% ao 34%—.

E iso a pesar de que o 79% dos enquisados considera que o tabaco é prexudicial para a saúde. Deles, o 16% é fumador diario, o 34% é exfumador, o 43% nunca fumou e o 7% é fumador ocasional.

De media, os fumadores consomen uns dez cigarros ao día e a iniciación media no hábito tabáquico rolda os 17 anos. Por idades, hai maior proporción de fumadores entre os 20 e 29 anos (o 25%), xa que entre 30 e 39 anos son o 23% e os menores de 20 anos, o 22%.

Entre as persoas que fuman, sete de cada dez intentaron deixar de fumar en polo menos unha ocasión e os que o lograron, fixérono na súa maioría (o 80%) sen axuda.

Os homes fuman máis que os que confesan facelo as mulleres: o 23% fronte ao 18,5%, aínda que as persoas que realizaron a enquisa son na súa maioría de xénero feminino —o 67 por cento—.

Comentarios