A xustiza belga decidirá sobre a extradición de Valtonyc en dúas semanas

"Estou feliz porque estou libre e poderei abrazar á miña familia. A pena é que en España non tería un xuízo xusto como este", afirmou aos medios o rapero

Valtonyc. EFE
photo_camera Valtonyc. EFE

A xustiza belga decidirá sobre se executa a euroorden e extradita a España ao rapero Josep Miquel Areas, coñecido como Valtònyc, o próximo 17 de setembro, informaron este luns os seus avogados á saída da vista celebrada no xulgado de Gante, oeste do país.

Valtònyc, condenado en España a unha pena de tres anos de cárcere por apología do terrorismo, inxurias á Coroa e ameazas, mostrouse "feliz" polo transcurso da segunda vista do xuízo para decidir o seu envío a España, audiencia que empezou con dúas horas de atraso e durou apenas trinta minutos.

"Estou feliz porque estou libre e poderei abrazar á miña familia. A pena é que en España non tería un xuízo xusto como este", afirmou aos medios o rapero.

Un dos seus avogados, Simon Beckaert, mostrouse optimista sobre que dentro de dúas semanas a sentenza será favorable a Valtònyc, pois "non se cumpren nin o principio de dobre incriminación nin tampouco o convenio de Dereitos Humanos".

Tanto Beckaert como o tamén letrado Gonzalo Aboie e o propio Valtònyc sinalaron que recorrerán calquera decisión que non sexa rexeitar a extradición, incluso se o xuíz considera envialo a España "só por delito de ameazas", circunstancia que implicaría xa que o rapero non tivese que pisar a prisión.

O pasado 21 de agosto xa se celebrou unha primeira audiencia ante un xuíz de garda en Gante, pero se decidiu pospor a vista para dar máis tempo ás partes para estudar as súas alegacións.

Comentarios