Abascal sobe a presión a PP e Cs: "Vox non votará a quen o desprezan"

O presidente da formación ultradereitista asegura que non apoiará o goberno do PP en Andalucía se seguen os "insultos"

Santiago Abascal. LUCA PIERGIOVANNI (EFE)
photo_camera Santiago Abascal. LUCA PIERGIOVANNI (EFE)

O presidente de Vox, Santiago Abascal, advertiu este xoves a PP e Ciudadanos de que non votarán a favor do seu programa de goberno en Andalucía se seguen cos seus "insultos e menosprecios" e non sentan con eles a negociar antes da sesión de investidura, que podería celebrarse a metade de mes. "¿Que partido vai votar o programa doutros partidos que o desprezan? Vox, desde logo, non", subliña Abascal nun extenso fío en Twitter para xustificar a postura do seu partido, que podería bloquear a investidura se non se atenden as súas demandas, entre elas substituír a lei andaluza de violencia de xénero por outra contra todo tipo de violencias.

Un fío no que Abascal aumenta a presión sobre PP e Cs e no que volve arremeter contra o líder de Ciudadanos, Albert Rivera, a quen esta fin de semana cualificou como "petit Macron henchido de cosmopaletismo".

Agora, Abascal chámalle "catavento laranxa" e recorda que Ciudadanos defendía "non hai moito" o mesmo que está a pedir Vox sobre a Lei de violencia de xénero e reforza o seu argumento cun tuit do partido de Rivera de febreiro de 2016 no que dicía: "Pacto nacional contra a violencia de xénero para promover unha lei contra a violencia intrafamiliar".

"Cando o catavento volva virar, atoparanos no mesmo sitio, dispostos a apoiar un cambio real en Andalucía", sinala Abascal, quen apostila: "Pero se manteñen a súa negativa a escoitar a 400.000 andaluces, terán que entender que nós, moi ao contrario, somos incapaces de traizoar aos nosos votantes".

Neste sentido, recorda Abascal que desde a noite electoral Vox repetiu que "non será obstáculo para o cambio en Andalucía", pero "tampouco será alfombra para a continuidade das mesmas políticas con outras siglas, sexan as de PSOE-Podemos ou as de PP-Ciudadanos".

Tras queixarse de que, "lonxe de calquera talante negociador", Vox "só recibiu insultos, menosprecios e a ameaza permanente de cordóns sanitarios", Abascal reprocha aos dous partidos que aspiran a gobernar en Andalucía que non admitan nin o máis mínimo cambio no seu pacto. Ademais, di que, en vista de que con Vox non lles funciona a "chantaxe", algúns "voceiros mediáticos" próximos a Ciudadanos empezaron este mércores a "manipular" a súa postura sobre a violencia machista e que, segundo el, é "en contra do feminismo supremacista e o totalitarismo de xénero".

Incluso, agrega, chegaron a proferir "as máis aberrantes descualificacións", como a de que Vox "apoia a violencia contra as mulleres", e apunta que levarán ante os xuíces a quen fan estas acusacións infames, propias de persoas sen dignidade capaces de utilizar o sufrimento das mulleres para o seu miserable beneficio político". Segundo Abascal, ademais do cambio na Lei contra a violencia de xénero, Vox quere pór encima da mesa outros temas como a redución fiscal, o desmonte da administración paralela, o apoio ao mundo rural e os seus modos de vida.

Comentarios