A Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) vai investigar a aplicación que ten previsto pór en marcha o Goberno para rastrexar os posibles infectados de Covid-19.
O organismo que vela pola adecuada protección dos datos en España anunciou a través das redes sociais que iniciou actuacións para obter información sobre esa app, que foi anunciada este mércores pola vicepresidenta terceira e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño.
A app será un proxecto da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial deste Ministerio.
PROXECTO PILOTO EN CANARIAS. Nadia Calviño avanzou este mércores no Congreso que o Goberno central traballa co Executivo canario nun proxecto piloto para probar a eficacia dunha aplicación móbil para o rastrexo de contagios por coronavirus.
Fíxoo durante o debate dunha intervención no Congreso da deputada de CC Ana Oramas, quen se interesou polas accións que vai impulsar o Goberno para paliar as consecuencias económicas e sociais que ten para as illas a perda das súas principais actividades económicas.
Calviño asegurou que Canarias é "idónea" para este proxecto piloto pola importancia do turismo e para que os turistas sentan "a gusto no país", e insistiu en que será unha app de apoio ao sistema sanitario "totalmente respectuosa cos dereitos individuais e a protección da intimidade das persoas" e cun valor engadido como é apoiar a rede de seguimento da posible expansión do virus.