O Aquarius desembarcará en Malta e os migrantes repartiranse en cinco países

España acollerá a 60 das persoas rescatadas e o resto serán trasladados a Francia, Alemaña, Luxemburgo e Portugal

Varias de las personas rescatadas a bordo del Aquarius. SOS MEDITERRANEE
photo_camera Varias das persoas rescatadas a bordo do Aquarius. SOS MEDITERRANEE

España acollerá a 60 migrantes que viaxan a bordo do buque Aquarius no marco dun acordo no que participan seis países europeos. Trátase da primeira operación de distribución de migrantes entre varios estados europeos e foi coordinada por España. A bordo do barco viaxan 141 migrantes e refuxiados rescatados en augas do Mediterráneo central polo buque, operado pola ONG SOS Mediterranée e Médicos Sen Fronteiras (MSF). 

O líder do Executivo, Pedro Sánchez, confirmou o acordo a través dunha mensaxe na súa conta de Twitter. "España coordinou un acordo pioneiro con seis países para distribuír a acollida das persoas do Aquarius. Foi posible grazas ao camiño que emprendemos en xuño, impulsando unha saída común e solidaria aos fluxos migratorios", escribiu o líder do Executivo. 

Desde A Moncloa subliñaron que foi posible grazas á decisión do Goberno de Pedro Sánchez de acoller os 629 migrantes a bordo do Aquarius "para resolver unha situación humanitaria difícil e pór encima da mesa de Europa a necesidade de buscar unha saída coordinada e común ao reto da xestión dos fluxos migratorios".  Naquela ocasión o Executivo ofreceu o porto de Valencia para desembarcar e concedeu un permiso de entrada por razóns humanitarias de 45 días, algo que, en principio o Goberno xa non ten intención de dar aos migrantes que cheguen a España, independentemente de que entren a través de buques de rescate ou de pateras.

DESEMBARCO EN MALTA. O acordo foi pechado entre Francia, España, Alemaña, Luxemburgo, Portugal e Malta. O primeiro ministro maltés, Joseph Muscat, precisou que o seu país dará permiso ao Aquarius a entrar nos seus portos "a pesar de non ter a obrigación legal de facelo", mentres que os outros cinco países encargaranse de acoller os migrantes do barco. 

Comentarios