A aritmética sitúa o BNG nunha posición clave na votación de investidura

Os nacionalistas galegos, xunto a CC, cun deputado cada un, son os únicos que aínda non decidiron se apoian a Sánchez
Rueda de prensa de Néstor Rego en el Congreso de los Diputados tras la reunión con el PSOE. EMILIO NARANJO (EFE)
photo_camera Rueda de prensa de Néstor Rego en el Congreso de los Diputados tras la reunión con el PSOE. EMILIO NARANJO (EFE)

A axustada aritmética do Congreso sitúa ao único deputado do BNG nunha posición estratéxica de cara á segunda votación na sesión de investidura á que se someterá Pedro Sánchez o martes. Dando por perdida xa de antemán a consecución dunha maioría absoluta de 176 deputados o domingo, o obxectivo é lograr máis sis que nons o día 7. A abstención seduce a 18 deputados, o bloque do si suma 166, mentres o do non alcanza 164. Entre os indecisos, o BNG e CC, cun deputado cada un, perfílanse como decisivos.

O deputado nacional da formación nacionalista galega, Néstor Rego, advertiu de que o seu voto dependería do compromiso dos socialistas coa axenda galega e alertou de que se non se moven, "será imposible un voto favorable". Esta mesma semana afirmou que o seu partido se atopaba entre a abstención e o voto en contra.

O BNG liga o seu apoio á investidura de Sánchez a que haxa unha solución "á estafa" na subida das peaxes da autoestrada AP-9. Esa cuestión é "determinante", advertiu o partido, para decidir o sentido do seu voto. Tamén incluíu na súa lista de prioridades unha "transición xusta" para os traballadores e as comarcas que dependen da gran industria asentada en Galicia e con futuro incerto. É o caso da multinacional Endesa nas Pontes e da planta de Alcoa en San Cibrao.

Cabe destacar que o Bloque regresou ao Congreso tras os resultados obtidos nas eleccións do 10 de novembro. A volta á Cámara Baixa prodúcese catro anos e tres lexislaturas despois, ao obter un escano pola provincia da Coruña, que ocupa Néstor Rego.

CONSELLO. Pero ademais do voto de Rego, tamén será decisivo o de Ana Oramas por Coalición Canaria. A formación convocou un Consello Político para este venres ás cinco nas illas no que se decidirá a estratexia da súa única deputada.

ACORDOS. Á marxe dos indecisos, o PSOE anunciou este xoves o acordo cos tres deputados de NC, Compromís e Teruel Existe para que apoien a investidura de Sánchez.

De modo que os bloques quedarían do seguinte xeito. Votarían si 166 deputados (120 do PSOE, 35 de Unidas Podemos, 6 do PNV, 2 de Más País, 1 de Compromís, 1 de Nueva Canarias e 1 de Teruel Existe). Fronte a eles, votarían non 164 escanos (88 do PP, 52 de Vox, 10 de Cs, 8 de JxCat, 2 da CUP, 2 de Unión do Pobo Navarro, 1 de Foro Asturias e 1 do Partido Rexionalista de Cantabria.

Pola súa banda, 18 deputados anunciaron a súa abstención: 13 de ERC e cinco de Bildu, na mesma dirección.

Comentarios