Asaltan e profanan a capela da USC no Campus Sur de Santiago 

Un grupo de persoas introduciuse pola forza no templo o día 12 deste mes
Un sacerdote reparte hostias. PIXABAY

As delegacións de Pastoral Universitaria e Pastoral de Infancia e Mocidade do Arcebispado de Santiago informaron este martes de que a capela da USC no Campus Sur de Santiago sufriu un asalto, con numerosos danos e a profanación da Sacra Forma. 

Segundo explicaron nun comunicado, o pasado venres, día 12, un grupo de persoas forzou a entrada á capela universitaria e, unha vez dentro, realizaron "numerosas desfeitas materiais, de valor non moi elevado, pero que indubidablemente supoñen un trastorno para a actividade normal da capela". 

Con todo, para o arcebispado, "o máis doloroso foi a profanación das Sacras Formas", que se atopaban no sagrario. "Os católicos sostemos que, unha vez consagrado, o pan eucarístico non é xa pan: é Jesús mesmo, real, verdadeira e substancialmente presente. Máis aló de calquera consideración económica, a dor que nos supón ver ao noso Señor así, maltratado, é incalculable", recolle o comunicado. 

Por iso, o arcebispo, monseñor Julián Barrio, acompañado dos mozos e da comunidade universitaria que semanalmente se reúnen na capela, celebrará unha eucaristía este venres, día 19, ás 20,30 horas, en desagravio "e reparación polo sucedido". 

Desde o primeiro momento, os servizos de seguridade do Campus alertaron á Delegación de Pastoral Universitaria do Arcebispado do que acontecera. Os feitos foron xa postos en coñecemento da Policía e realizáronse as probas oportunas. A USC, propietaria da capela, puxo xa os medios necesarios para emendar os danos materiais, de modo que se poida retomar a actividade normal canto antes. 

Comentarios