A aspirina podería facer que algunhas mulleres con cancro de mama vivisen máis

Os resultados desta investigación, realizada con datos de 1.266 mulleres, publícanse na revista Cancer da Sociedade Americana do Cancro
Aspirina. EP
photo_camera Aspirina. EP

Un novo estudo suxire que aquelas mulleres con cancro de mama e con características específicas en certas áreas do xenoma vivirían máis tempo se tomasen aspirina antes de que se lles diagnosticase a enfermidade.

Os resultados desta investigación, realizada con datos de 1.266 mulleres, publícanse na revista Cancer da Sociedade Americana do Cancro, e os seus responsables destacan, no entanto, a necesidade de realizar máis estudos sobre o posible potencial da aspirina para previr ou tratar o cancro de mama nalgunhas pacientes.

Estudos anteriores xa relacionaran aspirina e cancro de mama e demostraron que algunhas mulleres que utilizan este medicamento e que posteriormente son diagnosticadas viven máis, o que pode estar relacionado cos efectos antiinflamatorios do fármaco. Con todo, tamén se constatou que unha proporción das usuarias de aspirina con cancro de mama parece ter un maior risco de mortalidade.

A explicación desta diferenza podería estar, segundo este novo estudo, na metilación do ADN dos xenes dos tumores ou do sangue periférico. A metilación é un proceso que dirixe cando e como son activados e desactivados os xenes que controlan o desenvolvemento do organismo e que poden verse afectados por causas ambientais. Esta é esencial no desenvolvemento e o envellecemento dun organismo e, polo tanto, desempeña un papel crucial en numerosas enfermidades e na progresión de practicamente todos os tipos de cancro.

Os investigadores da Universidade de Carolina do Norte en Estados Unidos preguntáronse se a metilación do ADN podería influír nos efectos da aspirina en pacientes con cancro de mama. Para iso, o equipo examinou a metilación do ADN en tecidos de tumores de mama, incluído partes do ADN que controlan a expresión de 13 xenes vinculados ao cancro de mama, e tamén nas células que circulan no sangue das pacientes.

Examinaron o historial de 1.266 mulleres ás que se lles diagnosticou cancro de mama no período 1996-1997. Destas, 476 faleceron por diversas causas e 202 fixérono especificamente por cancro de mama a finais de 2014, explican os investigadores nunha nota de prensa.

Nas mulleres que usaron aspirina o risco de morrer por calquera causa e o risco de morrer de cancro de mama foi menor entre aquelas cuxo ADN non estaba metilado -modificado- na rexión que controlaba a expresión do xene BRCA1, un xene relacionado co cancro de mama. Polo tanto, segundo os autores, o perfil de metilación do ADN podería axudar a identificar ás pacientes que poderían beneficiarse da aspirina, aínda que advirten de que hai que seguir investigando.

Ademais de coñecer mellor os mecanismos biolóxicos subxacentes do uso da aspirina en cancro, esta investigación, "se se confirma", podería impactar na toma de decisións clínicas ao identificar un subgrupo de pacientes usando marcadores epixenéticos -influídos polo ambiente-. A metilación do ADN podería axudar no futuro a identificar mulleres para as que o tratamento pode ou non ter éxito, resumen os autores.

Comentarios