Un ataque de piratas informáticos afecta a 50 millóns de contas de Facebook

Os hackers poderían obter información privada dos usuarios

Mark Zuckerberg.SHAWN THEW (EFE)
photo_camera Mark Zuckerberg.SHAWN THEW (EFE)

Facebook revelou este venres que sufriu un ataque por parte de piratas informáticos que afecta a 50 millóns de contas, das que os hackers poderían obter información privada e acceder a elas coma se fosen os usuarios. Nun comunicado, o xigante das redes sociais dixo que os seus enxeñeiros atoparon o "problema de seguridade" o pasado martes, e que a compañía está a tratar o asunto de forma "extremadamente seria", aínda que a investigación está aínda na súa fase inicial.

Segundo Facebook, os piratas informáticos explotaron unha "vulnerabilidade" no código da plataforma que afectou o modo "Ver como", unha habilidade que permite aos usuarios ver o seu perfil coma se fosen outra xente. Isto permitiulles apoderarse de información, que podería ser usada por terceiros, para conectarse ás contas dos internautas afectados, aínda que a empresa aínda non sabe se iso é algo que os hackers chegaron a facer.

"Estamos a tomarnos o asunto de forma extremadamente seria e queriamos avisar a todo o mundo do ocorrido e das accións inmediatas que tomamos para protexer a seguridade das persoas", explicou nunha rolda de prensa telefónica o presidente e cofundador de Facebook, Mark Zuckerberg.

Entre as medidas adoptadas pola compañía para responder o ataque, procedeuse á desconexión inmediata de todas aquelas contas afectadas que tiñan activada a opción de conectarse a Facebook sen necesidade de introducir o nome de usuario e o contrasinal. É dicir, que aqueles usuarios que adoitaban acceder á rede social directamente desde a súa aplicación para móbiles ou desde o computador e que conservaban as súas claves de acceso gardadas directamente na rede deberán introducilas de forma manual se queren volver conectarse. 

Comentarios