Atendidas 19 persoas tras encherse de fume a cabina dun avión que aterrou en Valencia

Os pasaxeiros tiveron que saír da aeronave a través das ramplas de evacuación

Ao redor de 19 persoas precisaron asistencia sanitaria este luns tras encherse de fume a cabina dun avión da compañía British Airways que viaxaba de Londres a Manises ao aterrar no aeródromo valenciano. Os pasaxeiros tiveron que saír da aeronave a través das ramplas de evacuación. Ocorreu sobre as sete da tarde. 

O incidente comunicouse á torre de control. Aínda que nun primeiro momento os servizos de urxencias recibiron a notificación de que se detectou lume nun dos motores do avión ao aterrar, á chegada dos efectivos de bombeiros non había chamas, só fume, segundo detallou o 112. Abríronse as portas de emerxencia e os pasaxeiros saíron da aeronave a través das ramplas flotantes. 

Tres persoas resultaron intoxicadas de carácter leve por fume e foron trasladadas a centros hospitalarios para comprobar o seu estado de saúde. Ademais, 16 pasaxeiros foron asistidos por diferentes causas, como rozaduras ao baixar das ramplas flotantes e ataques de ansiedade, segundo a Delegación do Goberno. 

Un dos pasaxeiros do avión, o xornalista Dani Meroño, relatou a través de Twitter que se viviron momentos de "pánico" e "medo". "Está todo o mundo ben pero houbo xente que o pasou francamente mal. O susto foi grande cando apareceu a néboa mentres voábamos. Por sorte, foi cerca e foi todo ben. Cando aterramos, suspiramos", explicou.