Bescansa incorpórase á Comisión de Expertos do CIS para mellorar as enquisas

Tezanos impulsou este sanedrín para mellorar a cociña das sondaxes ao considerar que desde 2015 non funcionan as receitas tradicionais

Carolina Bescansa. LAVANDEIRA JR (EFE)
photo_camera Carolina Bescansa. LAVANDEIRA JR (EFE)

A deputada de Podemos Carolina Bescansa incorporarase á comisión de expertos creada polo Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) para estudar melloras na chamada cociña das enquisas electorais. Esta comisión, anunciada polo presidente do CIS, José Félix Tezanos, constituíuse a pasada semana cunha primeira listaxe de 27 expertos propostos por universidades, colexios profesionais de sociólogos e politólogos, e empresas de enquisas. A Universidade Complutense de Madrid é quen propuxo o nome de Carolina Bescansa, que é doutora en Ciencia Política e Socioloxía.

Así o confirmou a Europa Press a propia Carolina Bescansa, que o pasado mes de outubro puxo data de caducidade á súa etapa de deputada do Congreso. En concreto, e tras perder as primarias de Podemos Galicia, anunciou que deixaría o escano en canto terminase o seu labor nas comisións parlamentarias das que participa, algo que ocorrerá o próximo 5 de marzo coa disolución das Cortes.

27 CATEDRÁTICOS E SOCIÓLOGOS. Ademais de Bescansa, entre os 27 integrantes da comisión figuran catedráticos e expertos na materia, propostos polo Colexio Nacional de Doutores e Licenciados en Ciencias Políticas e Socioloxía, pola Federación Española de Socioloxía (FES), pola Asociación Española de Ciencia Política e da Administración (AECPA), polas facultades de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid (UCM) e a Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), e polas Institucións, como o Goberno Vasco e o Centro de Estudos de Opinión (CEO) de Cataluña.

O obxectivo deste sanedrín de sociólogos é valorar os retos e problemas actuais das enquisas e as proxeccións electorais, e promover, no seu caso, novos modelos e enfoques para efectuar estimacións sobre os comportamentos electorais.

Cando compareceu no Congreso o pasado mes de febreiro, Tezanos defendeu a súa táctica de non ofrecer estimacións de voto alegando que as enquisas fallan, "e non só as do CIS", porque hai un problema técnico coa "cociña", non aos "datos primarios", onde apenas hai diferenzas coas enquisas privadas.

Segundo explicou entón, os institutos demoscópicos ofrecen proxección de datos, o que se denomina cociña, porque non todos os enquisados din a súa opinión nas entrevistas. Antes había fórmulas métodos para estimar ese voto oculto, que basicamente se baseaban no recordo de voto e a simpatía expresada polos enquisados, pero ese modelo cambiou en 2015 cando acaba o bipartidismo coa irrupción de novos partidos (Podemos e Ciudadanos) e á vez hai un cambio de comportamento dos cidadáns.

VOTO VOLUBLE. Ese cambio, detallou, vese en dúas condutas: antes votábase sempre ao mesmo partido e agora só un 33% se resiste a cambiar; e actualmente o voto pasou a decidirse no último momento (cerca do 40% decídese na campaña). "Os métodos tradicionais xa non funcionan", resumiu.

Por iso promoveu a creación desta comisión de expertos para solicitar propostas sobre como debe facerse a cociña na España de hoxe. Ademais, cumpría así coa moción que o Congreso aprobou o 20 de decembro, na que, ademais de esixir a substitución de Tezanos, instouse ao CIS a buscar "o máximo consenso na comunidade científica" ao redor da "metodoloxía de traballo na mostra de entrevistas e os índices de corrección no modelo de estimación de voto nas enquisas electorais".

Comentarios