Bioga entrega os seus premios a Nanoinmunotech e a Phycosem Marine Agronomy

O ecosistema biotecnolóxico de Galicia reúnese na Coruña na entrega e lanza os seus desexos para 2019: "Máis socios, máis servizos e máis financiamento para a estabilidade sectorial"

Entrega de los premios Bioga. EP
photo_camera Entrega dos premios Bioga. EP

O Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (Bioga), con apoio da Axencia Galega de Innovación (GAIN), entregou este venres na Coruña os VI Premios Bioga a Nanoinmunotech, con sede en Vigo, como Empresa Biotech Máis Competitiva 2018, e a Phycosem Marine Agronomy, iniciativa situada en Oleiros, como Mellor Idea Empresarial Bio 2017. Os galardóns que entrega Bioga incentivan o talento de Galicia, pretenden impulsar o desenvolvemento das iniciativas empresariais e, ao mesmo tempo, recoñecen e poñen en valor o traballo das empresas máis competitivas.

Bioga convocou este ano no Hospital de Oza, na Coruña, a todas as firmas galegas do sector bio, Universidades, fundacións hospitalarias e representantes institucionais e investidores para acudir á entrega dos galardóns. O xurado elixiu nesta edición 2018 como a Empresa máis Competitiva do sector a Nanoinmunotech, compañía situada en Vigo e especializada en nanobiotecnoloxía.

A firma está a abrir mercados no ámbito de nanopartículas e nanobiosensores e no diagnóstico e seguridade alimentaria coa súa innovadora patente Heatsens. O galardón recoñece da compañía premiada "a súa elevada captación de fondos de proxectos europeos, a súa grande expansión internacional e a súa alta competitividade". Ao mesmo tempo, para premiala, tamén valora "os seus elevados recursos dedicados a I+D e o aumento do persoal" rexistrado durante 2017.

Pola súa banda, Phycosem Marine Agronomy, iniciativa baseada na produción de semente de alga mariña e con sede en Oleiros, mereceu o premio á Mellor Idea Empresarial Biotech 2018 en Galicia polo “seu alto potencial de comercialización, os seus escasos competidores” no sector no que se desenvolve, a súa aposta pola ”valorización de recursos naturais galegos” e por contar cunha “tecnoloxía lista para ser comercializada”, segundo recoñece o xurado dos premios.

O xurado dos premios formárono membros da Xunta Directiva de Bioga, representantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), da Axencia Galega de Innovación, de FIDIS e os gañadores de 2017 (Health in Code e Eicpar).

Comentarios