O buque Ocean Viking rescata a 80 persoas no Mediterráneo

Médicos Sen Fronteiras pide desembarcar nun porto seguro a estes migrantes que "pasaron situacións de violencia terribles no seu camiño a Europa"
Rescate da embarcación no Mediterráneo central este sábado. MÉDICOS SEN FRONTEIRAS
photo_camera Rescate da embarcación no Mediterráneo central este sábado. MÉDICOS SEN FRONTEIRAS

O barco humanitario Ocean Viking efectuou este sábado o seu segundo rescate en 24 horas ao atender a outras preto de 80 persoas no Mediterráneo central, segundo indicaron a ONG Médicos Sen Fronteiras (MSF) e SOS Mediterráneo. MSF anunciou en Twitter que o grupo de inmigrantes ía nunha embarcación de goma e atópase xa a salvo a bordo do Ocean Viking.

O rescate tivo lugar en augas internacionais fronte á costa libia, engadiron a EFE fontes de SOS Mediterráneo, a outra ONG francesa que opera este navío humanitario. Este venres, o Ocean Viking rescatara a 85 persoas nesa mesma zona e anunciado que ía permanecer varios días por alí para axudar a calquera outra embarcación que puidese atoparse en perigo. "A nosa prioridade é desembarcar a estas persoas nun porto seguro. O Ocean Viking é un barco de urxencia e non temos a capacidade para atender médica e psicoloxicamente a estas persoas a bordo de xeito prolongado", indicou hoxe a portavoz de MSF Hannah Wallace.

A prioridade da ONG é desembarcar nun porto seguro, xa que o buque non ten "capacidade para atender médica e psicoloxicamente a estas persoas de xeito prolongado". Wallace engadiu que eses migrantes "pasaron por situacións de violencia terribles no seu camiño a Europa" e subliñou que "é necesario un porto seguro para desembarcalas e non prolongar o trauma que xa cargan". A ONG contactaron o venres tras a primeira operación ao centro libio de coordinación de rescate para indicarlle que non podían dirixirse a Libia ao non consideralo unha opción segura e que necesitaban outra alternativa.

Ese mesmo día, o capitán do barco recibiu unha notificación do ministro italiano do Interior, o ultradereitista Matteo Salvini, na que se lles dicía que non estaban autorizados a entrar en augas territoriais italianas con xente rescatada a bordo. "Esa mensaxe busca engadir drama político á traxedia humanitaria", dixeron este sábado a EFE fontes de MSF, que destacaron que non pediron entrar nas súas augas pero toman nota da súa postura. O Ocean Viking, que substitúe ao Aquarius, partiu de Marsella o pasado domingo e alcanzou este xoves a zona do Mediterráneo Central na que se concentran as operacións de salvamento.

O OPEN ARMS RESCATA A 39 PERSOAS, QUE DESEMBARCARÁN EN MALTA

Por outra banda, o buque da ONG Proactiva Open Arms rescatou na madrugada deste sábado a outros 39 migrantes. O goberno de Malta autorizou o desembarco deste último grupo no seu territorio, mais non das outras 121 persoas que continúan a bordo do navío á espera de atopar un porto seguro que España tampouco autoriza. Dende a ONG consideran "inadmisible" esta decisión do executivo maltés, xa que levan nove días navegando e "todos precisan chegar xa a un porto seguro".

Comentarios