Cae lixeiramente o número de novos positivos: 922 nas últimas 24 horas

O maior número de novos casos rexístrase en Aragón, Cataluña, Madrid e Navarra
Técnicos sanitarios trasladan a un enfermo en Lleida. EFE
photo_camera Técnicos sanitarios trasladan a un enfermo en Lleida. EFE

 O Ministerio de Sanidade contabilizou este venres un lixeiro descenso na cifra de novos positivos por coronavirus: 922 contaxios detectados nas últimas 24 horas fronte aos 971 do xoves. O maior número de novos casos rexístrase en Aragón, con 298 novos positivos —117 menos—; séguelle Cataluña, con 133 —49 menos—; Madrid, con 107 —5 máis—; Navarra con 93 —27 máis—, e Andalucía, con 70 (23 máis).

Séguelle o País Vasco con 49 novos contagios, fronte aos 61 do xoves; Comunidade Valenciana, con 40; Murcia, 38, cuadruplicando a anterior cifra; Galicia, con 20 —máis do dobre—; Castela-A Mancha, 18; Castela e León, con 17, e Baleares con 11. Xa por baixo de dez casos positivos nas últimas 24 horas sitúanse Asturias, Canarias, Cantabria, Estremadura e A Rioxa. 

Ceuta e Melilla non notificaron novos casos nas últimas 24 horas.

Con estes novos contaxios, o número total de casos contabilizados en España é de 272.421, dos que máis da metade concéntranse en Madrid  —73.944— e Cataluña (72.919). 

Nos últimos sete días morreron dez persoas por coronavirus: tres en Madrid, dous en Cataluña, dous no País Vasco, e Castela e León, Comunidade Valenciana e Andalucía, cunha. Así, o total de falecidos desde o comezo da pandemia sitúase en 28.438 persoas

Tamén aumenta o número de casos diagnosticados nos últimos 7 días, que alcanza os 10.990. Cataluña e Aragón, con 4.846 e 2.113 diagnósticos na última semana, suman máis da metade do total.

Estas cifras implican outra nova subida da taxa de incidencia acumulada (casos diagnosticados por cada 100.000 habitantes), que no conxunto de España situouse no 23,37 fronte ao 21,73 do xoves.

Os datos publicados este venres polo Ministerio de Sanidade mostran un incremento das hospitalizacións nos últimos sete días: 327 fronte ás 296 do xoves, o que eleva os ingresos totais a 126.315.

Pola súa banda, 14 pacientes tiveron que ser trasladados a unidades de coidados intensivos na última semana. O ministerio calcula en 11.743 os pacientes que requiriron de coidados intensivos desde o inicio da pandemia. 

Comentarios