O calendario laboral de 2019 recolle 12 días festivos, só 8 comúns en toda España

En Galicia, serán festivos desde o xoves 18 de abril ata o domingo 21

Calendario. EP
photo_camera Calendario. EP

O calendario laboral de 2019 recolle un total de 12 días festivos, dos que só 8 se celebrarán de forma conxunta en toda España, segundo a resolución da Dirección Xeral de Traballo publicada este sábado no Boletín Oficial do Estado (Boe).

En concreto, os 8 festivos nacionais "non substituíbles" polas comunidades autónomas son: 1 de xaneiro (martes), 19 de abril (Venres Santo), 1 de maio (mércores), 15 de agosto (xoves), 12 de outubro (sábado), 1 de novembro (venres), 6 de decembro (venres) e 25 de decembro (mércores).

Outros dous festivos comúns, o Día de Reis e o 8 de decembro (Inmaculada Concepción), caen en domingo polo que as comunidades autónomas poden desprazar a celebración ao luns seguinte ou a outro día.

En concreto, o luns 7 de xaneiro será festivo en Andalucía, Aragón, Asturias, Canarias, Castela e León, Estremadura, Madrid, Murcia, Navarra, Ceuta e Melilla, comunidades que decidiron alargar un día máis as vacacións do Nadal.

De igual forma, o luns 9 de decembro será festivo en Andalucía, Aragón, Asturias, Cantabria, Castela e León, Estremadura, Madrid, A Rioxa e Melilla. O resto de comunidades optou por trasladar o festivo da Inmaculada Concepción (8 de decembro), que cae en domingo, a outros días do ano.

En Semana Santa, o 18 de abril, Xoves Santo, será festivo en todas as comunidades autónomas, salvo en Cataluña e na Comunidade Valenciana, onde será festa do venres 19 a luns 22 de abril.

En Andalucía, Asturias, Canarias, Estremadura, Galicia, Madrid, Murcia, Ceuta e Melilla os días festivos irán de xoves 18 a domingo 21 de abril, mentres que en Baleares, Cantabria, Castela-A Mancha, Navarra, País Vasco e A Rioxa os días festivos en Semana Santa irán de xoves 18 a luns 22. Aos 12 días festivos nacionais e autonómicos, hai que sumar os 2 días festivos locais de cada cidade.

Comentarios