O gasto medio que asume unha familia durante o primeiro ano de vida dun fillo ascende a 7.706 euros, atendendo a un estudo da Organización de Consumidores e Usuarios (Ocu). O colectivo puxo en marcha a campaña Un fillo, un luxo para reclamar axudas ás familias.
Para a realización deste estudo, a Ocu realizou unha enquisa entre 500 pais e nais de entre 20 e 50 anos que tiveron fillos nos últimos tres anos para coñecer os gastos principais que implica a crianza dun fillo, ademais da súa experiencia en materia de conciliación da vida familiar e o traballo e que tipo de axudas lles permitiu facer máis fácil a experiencia da chegada dun fillo.
O gasto mensual medio é de 642 euros, o que supón un desembolso anual de 7.706 durante o primeiro ano de vida. Entre as facturas máis importantes están as derivadas de mobles e aveños —berces, carriños, cadeira de casa e coche, armarios, etc.—, que se elevan a 911 euros en doce meses.
Pero o gasto máis importante é o da gardería, que de media ascende a 312 euros mensuais. Ségueo o de coidadores profesionais no fogar, por importe de 127 euros. O desembolso en alimentación do bebé ascende a 101 euros mensuais, mentres que os produtos de hixiene —desde cueiros ata cremas e xabóns— levan 81 euros. Tamén aparece entre as partidas máis importantes a de roupa e calzado, con 82 euros mensuais.
Os avós están implicados dalgún xeito nas tarefas de crianza en sete de cada dez fogares
A Ocu advirte das dificultades das familias con menos recursos para facer fronte a eses gastos. Nos fogares de maiores ingresos —por enriba dos 4.000 euros ao mes— o gasto medio é de 729 euros. Nas de ingresos medios (entre 2.000 e 4.000) é de 676 euros e nas de menores ingresos —por baixo dos 2.000— o gasto é de 616.
De feito, unha de cada dez familias pertencentes ao grupo das que teñen menor poder adquisitivo gasta máis do 50% dos seus ingresos en cuestións relacionadas co seu fillo e un 37% considera difícil ou moi difícil poder afrontar ese ritmo de desembolso.
En canto á conciliación, son as nais quen asume en maior medida a responsabilidade dos fillos. Son elas as que en maior medida gozan dos permisos por nacemento, acóllense á redución de xornada ou vense obrigadas a deixar o traballo.
Un 44% dos fogares levan o fillo a algún tipo de gardería, e só o 7% recorre a coidadores profesionais en casa. A porcentaxe baixa sensiblemente nas familias con menos ingresos, onde só o 35% acode a unha gardería e o 4% conta con coidadores.
A enquisa de Ocu tamén destaca o importante papel que xogan os avós no coidado dos netos. En sete de cada dez fogares teñen algún grao de implicación nas tarefas de crianza.
Un 31% dos enquisados cre que é necesario mellorar a política de conciliación nas empresas, (horarios adaptados, teletraballo, etc). Un 26% dos pais e nais enquisados cre que é necesario ampliar os permisos por nacemento e adopción. E un 20% das familias considera que hai que aumentar o número de axudas e mellorar a súa contía (cheques bebé, axudas de garderías, comedores, libros.)
Campaña
Ante esta situación, a Ocu puxo en marcha a campaña 'Un fillo, un luxo', a través da que pide o apoio dos cidadáns para esixir ás administracións que se tomen medidas para incrementar a natalidade que pasen por favorecer as familias que deciden ter fillos, con, entre outras actuacións, unha ampliación dos permisos por nacemento, adopción e coidado de menor de forma igualitaria para homes e mulleres.
Outra das medidas propostas é facilitar a conciliación laboral como medio de favorecer a natalidade (reducións de xornadas, horario flexible, xornada continua, teletraballo, etc.), así como a elaboración dun plan de incremento do gasto en políticas de protección familiar ata a equiparación coa media europea
Tamén reclaman mellorar as prestacións por fillo e que se incrementen en función do número de membros na familia, e mellorar as axudas directas aos fogares en garderías, libros, comedores escolares, coidadores ou axuda a domicilio.