Casado pide ao Goberno que o estado de alarma dure oito semanas como máximo

Pablo Casado. EUROPA PRESS
photo_camera Pablo Casado. EUROPA PRESS

O líder do PP, Pablo Casado, condicionou este luns o seu apoio ao estado de alarma a que non dure máis de oito semanas e a que se aprobe "dunha" vez un marco legal cunha modificación da lei 3/86 que podería estar listo xa en decembro. 

Na primeira sesión do XXIII Congreso Nacional da Empresa Familiar, que inaugurou o Rei, Casado expuxo limitar o prazo de aplicación desta medida excepcional que, ao seu xuízo, "non pode superar en ningún caso as oito semanas". 

Sánchez quere aplicar o estado de alarma por un período de seis meses, ata o 9 de maio, e concede aos presidentes autonómicos ser a autoridade delegada nos seus territorios, o que permitirá ás autonomías confinar total ou parcialmente.

OS PARTIDOS SITÚANSE. Sánchez pediu a todos os grupos apoio a unha "medida tan extraordinaria pero tan necesaria para conter esta segunda onda". En especial solicitou o apoio do primeiro partido da oposición e recalcou que isto é unha "cuestión de estado". "Os partidos políticos que se cualifican de Estado deben pensar seriamente en apoiar esta medida tan extraordinaria", dixo na súa comparecencia este domingo en Moncloa. 

Algúns partidos xa empezaron a situarse. Así, a líder de Cs, Inés Arrimadas, cualificou de excesivo "prorrogar" o estado de alarma por seis meses e pedirá ao Goberno un prazo "moito menor". Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PNV, Aitor Esteban, considera "procedente" seis meses de estado de alarma se o Goberno acode "con frecuencia" ao Congreso "a dar explicacións e a escoitar o que digan os deputados". 

Desde Vox, o seu presidente Santiago Abascal anunciou que o seu partido recorrerá ante o Tribunal Constitucional o decreto de estado de alarma aprobado este domingo polo Consello de Ministros e defendeu que o toque de queda imposto en toda España é "ilegal". 

Pontón non quere que dure seis meses
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou que a súa formación presentará emendas ao estado de alarma para "acoutar mellor a duración", xa que se mostra en contra de que se estableza durante seis meses cando na primeira onda da pandemia se renovaba "cada 15 días". 

En rolda de prensa, Pontón sinala que se busca que "non sexa un estado de alarma preventivo" e que non se pretenda eludir o control parlamentario". 

Avisa de que é necesario tomar medidas por cada territorio, á vez que apunta que o estado de alarma é compatible co "control e a rigorosidade" dunha medida que "recorta dereitos e liberdades", xa que "parece que se quere responsabilizar unicamente aos cidadáns da evolución do virus". 

Comentarios