Casado reclama a Sánchez que non se deixe "humillar" polos independentistas

Referiuse a unhas declaracións recentes de Pedro Sánchez afirmando que dúas persoas non bailan se unha non quere, e reclamoulle que "deixe de bailar co independentismo"

Pablo Casado en Albacete. EFE
photo_camera Pablo Casado en Albacete. EFE

O presidente do PP, Pablo Casado, reclamou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que non se deixe "humillar" por propostas "tan letais" para a unidade de España como as que expón "o señor Torra", en referencia á proposta de 21 puntos de negociación que lle presentou o presidente da Generalitat no seu encontro en Barcelona. 

Casado, que presidiu en Albacete o acto de presentación dos candidatos do PP ás capitais de Castela-A Mancha, dixo que é fundamental diferenciar como fai política o PP e o resto de partidos. 

Dito isto, referiuse a unhas declaracións recentes de Pedro Sánchez afirmando que dúas persoas non bailan se unha non quere, e reclamoulle que "deixe de bailar co independentismo, con quen quere esnaquizar España" e que non se deixen humillar cunhas propostas tan letais para a unidade de España como as que expón o señor Torra". 

O presidente do PP, que considera que o Goberno non pode ter "peores compañeiros de viaxe", lamentou que Sánchez actúa coma se fose "un monicreque, acepta todo o que lle piden". 

Tanto, apuntou Casado, que "Esquerra deu un aviso", en relación á recente reunión entre Torra e Sánchez, "un aviso de que non aperten demasiado" a Pedro Sánchez porque "é o mellor presidente de Goberno que poden ter os independentistas". 

O que deixan entrever, insistiu o líder do PP, "é que grazas a que Pedro Sánchez estea no Goberno, están a levar a cabo o seu plan de ruptura sen que ninguén lles free". E o mesmo que se pode dicir de Podemos e os independentistas, "pódese dicir dos Batasunos". 

Neste punto, volveu a referirse a Arnaldo Otegi, "aquel que di que deixemos de pór o foco nos independentistas e se poñan en Pablo Casado", o mesmo que "puña o foco en concelleiros do PP" que logo eran vítimas do terrorismo. "ETA xa non mata, pero non pode ter ningún rédito por deixar de matar", reclamou.

Comentarios