A CNMC amoesta a Mediaset e Atresmedia por incitar "ao odio" no caso do neno Gabriel

A demanda procede dun particular afectado durante a cobertura do caso ► Os feitos aos que alude a advertencia de Competencia emitíronse en Antena 3, La Sexta e Telecinco

José María Marín Quemada, presidente da CNMC. AEP
photo_camera José María Marín Quemada, presidente da CNMC. AEP

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) advertiu a Atresmedia e Mediaset polas informacións, que durante a investigación da desaparición e asasinato do neno Gabriel, fixeron dun sospeitoso (posteriormente exculpado), ao considerar que "incitaron ao odio".

A CNMC fixo uns requirimentos aos dous grupos de comunicación para que nos seus programas tipo magacín e faladoiros "eviten a emisión de contidos que poidan levar a incitar ao odio, intromisión da honra ou a intimidade, á propia imaxe das persoas e, o deber de dilixencia na comprobación da veracidade da información".

Unhas obrigacións que, segundo recorda este venres Competencia no citado requirimento, están recollidas na Lei Xeral de Comunicación Audiovisual (LGCA). Ademais, advírtelles, "deben actuar con dilixencia na comprobación da veracidade dos contidos que emiten".

ORIXE. O requirimento ten a súa procedencia na denuncia presentada polo Consello Audiovisual de Andalucía (CAA), organismo que canalizou as queixas presentadas por un particular sobre o tratamento informativo dado a un terceiro, inicialmente sospeitoso, en relación coa desaparición e asasinato do neno Gabriel en febreiro. As imaxes ás que alude a advertencia emitíronse en Antena 3, La Sexta e Telecinco.

A LGCA prohibe expresamente a emisión de contidos que poidan incitar ao odio por calquera circunstancia persoal ou social

Durante os días nos que Gabriel Cruz estivo desaparecido, investigouse, entre outras persoas, a un home condenado por acosar á nai: persoa que finalmente foi exculpada do caso pero sobre o que as citadas cadeas emitiron imaxes e opinións que supuxeron incitación ao odio sobre esta, e non respectaron a súa honra, intimidade e imaxe.

"O tratamento informativo dos sucesos, que espertan interese na sociedade, non debe incluír hipótese ou conxecturas sobre posibles culpables cando se identifica a estes ou se dea información que permita identificalos", sinala o organismo regulador.

Tampouco deben difundir "rumores, especulacións ou informacións non contrastadas", nin sequera, advirte, "cando forme parte dun contido de entretemento e non meramente informativo".
Recorda que para evitar tratamentos informativos como os levados a cabo polas citadas cadeas, a LGCA prohibe expresamente "a emisión de contidos que poidan incitar ao odio por calquera circunstancia persoal ou social".

Ademais, a citada Lei recoñece o dereito de recibir información en cuxa elaboración se respectou o deber de dilixencia na comprobación da veracidade da información.

MEDIDAS. No seu requirimento, a CNMC pide a Mediaset e Atresmedia que adopten os preceptos oportunos para que adecúen os contidos de todos os seus programas ás esixencias da Lei. Así mesmo, advirte de que os operadores de televisión han de buscar o xusto equilibrio entre o seu dereito á liberdade de expresión e o dereito da cidadanía á difusión de información veraz e á protección dos dereitos á honra, a intimidade e a propia imaxe das persoas, pois o primeiro non ten un carácter absoluto.

A CNMC avísalles de que no caso de repetirse un tratamento informativo similar "podería incoar un procedemento sancionador polo incumprimento das obrigacións que impón a LGCA".

Comentarios