Conchita e os triunfitos galegos Miriam e Roi serán parte do xurado de RTVE para Eurovisión

O locutor Rafa Cano e a compositora Brisa Fenoy completan o tribunal español para o festival, mentres que a modelo Nieves Álvarez será a súa portavoz na gala que se celebrará en Lisboa

Roi y Miriam, de 'Operación Triunfo'. INSTAGRAM
photo_camera Roi e Miriam, de 'Operación Triunfo'. INSTAGRAM

Os cantantes de Operación Triunfo 2017 Miriam e Roi, o locutor Rafa Cano, a compositora Brisa Fenoy e a cantante e compositora Conchita son os cinco integrantes do xurado profesional de RTVE para o Festival de Eurovisión 2018. Eles encargaranse de votar tanto na primeira semifinal do día 8, que emitirá La 2, como na gran final do 12, que poderá verse por La 1. A modelo Nieves Álvarez será a súa portavoz na gala que se celebrará en Lisboa, segundo anunciou a cadea pública nunha nota.

Rafa Cano está á fronte desde 1994 de Dial tal cual; Brisa Fenoy é a responsable da adaptación de Lo malo para Operación Triunfo e o pasado xaneiro sacou o seu segundo sinxelo, Jericó; a eumesa Miriam Rodríguez foi a terceira finalista do concurso de talento vocal e competiu por ir a Eurovisión; o teense Roi Mendez quedou ás portas da final do programa; e Conchita conta con cinco discos no mercado e compuxo para Luz Casal e David Bisbal. Como xurado reserva estará Pablo Pinilla, compositor, produtor musical e vicepresidente da SGAE.

Segundo as normas da Unión Europea de Radio-Televisión, os integrantes do xurado profesional de cada un dos países participantes, composto por cinco integrantes vinculados á música, teñen que avaliar as cancións tendo en conta a capacidade vocal e interpretación en escena dos artistas, a composición e orixinalidade da canción e a impresión xeral de cada actuación.

O 3 de maio partirá cara a Lisboa a delegación eurovisiva española, encabezada por Alfred e Amaia, que competirán con Tu canción nunha gala que comentarán para RTVE Julia Varela, que repite por cuarto ano, e Toni Aguilar, que se estrea nestes lidees como substituto de José María Íñigo. 

Comentarios