Condenado a 5 anos de prisión por drogar e violar a unha prostituta en Madrid

Contratou os servizos profesionais de carácter sexual que esta muller ofrecía nunha páxina de internet

A Audiencia Provincial de Madrid condenou a cinco anos a un home que, tras contratar os servizos sexuais dunha muller a través de internet en xaneiro de 2017, drogouna no seu domicilio do barrio madrileño de Usera botándolle unha sustancia hipnótica nunha lata de cervexa para logo violala.

Na sentenza, á que tivo acceso Efe, a Sección Sexta da Audiencia de Madrid condena a Abel V.R. como autor dun delito de abuso sexual e outro de furto e imponlle, á marxe da pena privativa de liberdade, cinco anos de liberdade vixiada e unha indemnización á muller de 3.450 euros. Con todo, os maxistrados recordan que a resolución se pode recorrer ante o Tribunal Superior de Justicia de Madrid (TSJM).

Todo ocorreu a noite do 17 de xaneiro de 2017 cando Abel contratou os servizos profesionais de carácter sexual que esta muller ofrecía nunha páxina de internet, e pactaron 300 euros como pago que o condenado lle entregou ao chegar ao domicilio dela.

Unha vez alí os dous estiveron a tomar cervexas que levara Abel e, nun descoido da muller, o condenado botoulle na bebida Zolpidem, unha sustancia con propiedades hipnóticas e sedantes e insistiu en que o bebese. A continuación, foron ao dormitorio, onde a muller comezou a sentirse mareada ata perder a consciencia e quedou durmida.

Foi entón cando Abel se aproveitou da circunstancia que el mesmo provocara e, "movido polo ánimo de dar satisfacción ao seu desexo libidinoso", levantoulle o vestido e violouna. Ademais, o home tamén se apoderou dos 300 euros que entregara á muller e de dous teléfonos móbiles da vítima, tras o cal marchou do piso.

No xuízo, o condenado negou tela drogado e asegurou que mantiveron relacións sexuais sen preocuparse do uso de preservativos e posteriormente quedaron durmidos ata que el espertou de madrugada para ir ao baño e ao ver os 300 euros que lle pagou á muller colleunos e foise da casa.

Pero a Sala outorga toda a "credibilidade" ao testemuño da vítima que "constitúe proba de cargo suficiente" e destaca que os peritos confirmaron que o ADN atopado nos fluídos vaxinais corresponde ao do acusado, do mesmo xeito que as pegadas nas latas de cervexa, e que se acharon restos do fármaco hipnótico no sangue, ouriños e na lata.