Constitúense as Cortes nun escenario inédito: hai deputados e un senador presos

Os políticos cataláns en prisión preventiva acudiron este luns ao Congreso para entregar as súas credenciais

Vista general del Congreso de los Diputados. EFE
photo_camera Vista xeral do Congreso dos Deputados. EFE

A XIII Lexislatura arrinca este martes no Congreso e no Senado coa tensión que entre os partidos provoca a presenza dos deputados e do senador electos actualmente en prisión polo xuízo do procés. O Tribunal Supremo, do mesmo xeito que permitiu este luns a asistencia dos cinco parlamentarios cataláns ao Congreso e ao Senado para entregar as súas credenciais, deixou que este martes acudan ás sesións constitutivas das Cámaras.

Estarán custodiados pola Policía Nacional desde as súas chegadas do centro penal de Soto del Real, pero unha vez no hemiciclo os axentes retiraranse e os deputados e o senador elixidos nas urnas o 28 de abril poderán circular libremente por entre os escanos e saudar a representantes doutros partidos.

Oriol Junqueras, Jordi Sánchez, Josep Rull e Jordi Turull, no Congreso, e Raül Romeva, no Senado, protagonizarán deste xeito un dos momentos máis destacados das primeiras sesións de ambas as Cámara na XIII Lexislatura. No entanto, tal e como ordenou o Supremo, non poderán ter reunións nin atender aos medios de comunicación, de modo que en canto acaben os plenos, regresarán a prisión.

Outro punto de interese terano os 24 deputados de Vox, que se estrea no Parlamento español tras os resultados das eleccións do 28 de abril. O seu líder, Santiago Abascal, será o primeiro en acatar o cargo, de acordo coa orde alfabética dos 350 electos que estarán no hemiciclo.

Os representantes desta formación no Parlamento valenciano acataron o cargo coa fórmula "Por Deus e por España", polo que terá interese dilucidar se os deputados nacionais de Vox seguirán esta tónica ou non. Tamén merecerá interese comprobar que fórmulas empregan os deputados das formacións independentistas catalás, incluídos os que están en prisión preventiva.

Meritxell Batet e Manuel Cruz serán outros dous protagonistas, xa que serán os presidentes do Congreso e do Senado, respectivamente. Son dous representantes do PSC e por primeira vez dous cataláns estarán á fronte das institucións parlamentarias. Para que Batet sexa elixida terá que materializarse o acordo de PSOE e Unidas Podemos para a repartición dos postos da Mesa, en tanto que Cruz terao máis sinxelo porque os socialistas contan con maioría absoluta no Senado.

O comezo da sesión na Cámara Baixa decretarao a Mesa de Idade que presidirá o deputado do PSOE por Burgos Agustín Zamarrón, de 73 anos. 

Na Cámara Alta, o Senado, o arranque correrá a cargo do primeiro parlamentario que entregou a súa credencial, Jesús Fermosel, e acto seguido comporase a Mesa de Idade baixo presidencia do popular Juan José Lucas.

Unha vez acaten os deputados e os senadores os seus cargos, e sexan parlamentarios con todos os dereitos e prerrogativas, a presidenta do Congreso comunicará ao Rei o comezo da lexislatura. Lexislatura que no Congreso terá os seguintes trazos, segundo os perfís dos deputados e deputadas: haberá un 53 por cento de homes e un 43 por cento de mulleres, o que supón un claro aumento respecto da anterior: de 139 a 166.

Abunda o tramo de idade entre os 41 e 50 anos, ata 128 deputados, e así, a idade media é de 47, a mesma que a lexislatura precedente.

Comentarios