Consumo ordena ás funerarias que volvan aos prezos anteriores á alarma

O ministerio detectou subidas "indiscriminadas" de ata 2.000 euros. "A especulación non pode ter cabida", declarou Alberto Garzón
O ministro de Consumo, Alberto Garzón. EFE
photo_camera O ministro de Consumo, Alberto Garzón. EFE

O Ministerio de Consumo detectou subidas "indiscriminadas" de ata 2.000 euros nos prezos dos servizos funerarios dalgunhas destas empresas, polo que ordenou volver aos prezos que estaban vixentes o día 14 de marzo, cando se declarou o estado de alarma.

Ademais, este departamento está monitorizando xunto coas comunidades autónomas outros "procesos especulativos" que poden estar a se producir con outros produtos, como as máscaras e os xeles hidroalcohólicos, segundo anunciou este o seu responsable, Alberto Garzón.

"A especulación non pode ter cabida", advertiu este mércores o ministro, quen avisou de que o seu departamento actuará se se confirman eses incrementos inxustificados.

Porque se trata de procesos nos que se soben os prezos de xeito desorbitado non porque haxa unha innovación tecnolóxica, non por unha mellora, senón porque hai determinados axentes ao longo da cadea que consideran que é un momento estupendo para incrementar os seus beneficios, e consideramos que isto non é razoable".

Onde xa actuou Consumo é nos dos servizos funerarios, xa que detectaron que algunhas empresas "aproveitaron esta pandemia e momentos de dor de moitos familiares no noso país para elevar de forma indiscriminada os prezos, nalgúns casos de ata 2000 euros", censurou.

E ese é o motivo que lle levou a ditar unha orde ministerial para controlar os prezos dos servizos funerarios para que volvan aos vixentes o pasado día 14, cando se declarou o estado de alarma. 

Comentarios