Cuba abre a súa Constitución á propiedade privada e ao matrimonio homosexual

O texto, que empezou a debaterse no Parlamento, elimina o termo comunismo e incorpora as reformas económicas de Raúl Castro na última década

El presidente cubano, Miguel Díaz-Canel Bermúdez. ABEL PADRÓN PADILLA
photo_camera O presidente cubano, Miguel Díaz-Canel Bermúdez. ABEL PADRÓN PADILLA

A nova Constitución cubana, cuxo texto comezou a debaterse este sábado no Parlamento, elimina o termo comunismo, incorpora as reformas económicas de Raúl Castro na última década en favor dun socialismo sostible con propiedade privada e abre as portas ao matrimonio homosexual.

No ámbito económico, a nova proposta constitucional reflexa este propósito ao mencionar só o "socialismo" como política de Estado, en contraste co texto vixente que no seu artigo 5 consigna o "avance cara á sociedade comunista".

Ademais, o artigo 21 da próxima Constitución recoñece "outras formas de propiedade como a cooperativa, a propiedade mixta e a propiedade privada", o que tamén supón un importante cambio respecto ao documento de 1976 que só recoñece a propiedade estatal e a cooperativa agropecuaria.

Así mesmo, o anteproxecto a debate admite o investimento estranxeiro como "unha necesidade e un elemento importante do desenvolvemento", nun intento de atraer divisas para paliar a endémica crise económica que atravesa o país e que podería agravarse se aumenta a inestabilidade en Venezuela, o seu principal socio e valedor.

A apertura constitucional ao capital privado apontoa as reformas aplicadas polo exdirigente Raúl Castro desde 2006, que legalizaron o traballo autónomo -chamado na illa "cuentapropismo"- en sectores como a hostalería, o transporte ou o turismo, e ás que deu continuidade o presidente Miguel Díaz-Canel tras asumir o poder en abril deste ano.

Máis limitados son os cambios que a nova Constitución imporá no ámbito político, onde se mantén o "carácter socialista do sistema político e social" baixo o mando do Partido Comunista de Cuba (único legal) como "forza dirixente superior".

Nesta área, as propostas máis importantes do anteproxecto son a creación da figura do presidente da República, xefe do Estado que deberá asumir o cargo con menos de 60 anos e limitar o seu mandato a un máximo dunha década, así como o novo posto de primeiro ministro para liderar o Consello de Ministros, máximo órgano executivo do Estado.

Ademais, o anteproxecto establece que o Consello de Estado, máximo órgano gobernante ata agora encabezado polo presidente do país, pasa a ser liderado polo presidente da Asemblea Nacional.

En política exterior, o texto provisional da nova Carta Magna establece unha "visión multipolar nas relacións internacionais" para evitar o "hegemonismo e a dominación" de potencias estranxeiras aínda que omite o termo "imperialismo", sempre en boca dos seus dirixentes para definir a estratexia de EE UU e os seus aliados.

No ámbito social destaca a redefinición do matrimonio como "a unión entre dúas persoas", o que abriría a porta á legalización da unión igualitaria, un dos principais reclamos do colectivo LGTBI no país caribeño. "Non di que se trata do matrimonio igualitario, só rompe con esa barreira de modo que no futuro poderíase incorporar", explicou o secretario do Consello de Estado, que destacou a necesidade de modificar aspectos do Código Civil e de Familia para facer realidade este obxectivo.

En todo caso, o cambio constitucional suporá un enorme paso en favor dos dereitos LGTBI nun país onde ata hai só unhas décadas perseguíase aos homosexuais como "secuelas sociais" e en moitos casos internábaselles en campos militares de traballo.

Tamén mantense o carácter laico do Estado e ratifícase a liberdade relixiosa, un asunto que durante décadas foi fonte de críticas de disidentes e organizacións estranxeiras que acusan o Goberno cubano de reprimir o dereito de culto.

Os deputados aprobarán previsiblemente o luns o anteproxecto, aínda que este aínda deberá someterse a unha consulta popular e para rematar a un referendo no que os cidadáns autoricen a posta en vigor da nova Constitución cubana. 

Comentarios